Sortu deixa vacante a súa Secretaría Xeral até a saída de Otegi de prisión

Sortu deixa vacante a súa Secretaría Xeral até a saída de Otegi de prisión
Acto público Sortu
Acto público Sortu  Sortu
As asembleas locais da nova organización da esquerda abertzale votarán esta fin de semana as persoas que asumirán as responsabilidades do seu Consello Nacional.

A piques de se celebrar o Congreso constituínte --que terá lugar o 23 de febreiro, as bases de Sortu debaterán e votarán esta fin de semana as persoas que tomarán parte do Consello Nacional da nova organización da esquerda abertzale.

Segundo informa GARA, a proposta que se someterá a votación vai escabezada polo deputado da CAV, Hasier Arraiz quen optará á presidencia de Sortu. Arraiz foi membro da Mesa nacional de Batasuna e actualmente é parlamentar de EH Bildu no Parlamento vasco. Xunto a el, Idoia Aiastui (Responsábel de Organización interna), Juan Joxe Petrikorena (Responsábel de Comunicación), Marisa Alejandro (Responsábel de finanzas), Maite Ubiria (Responsábel de Relacións Internacionais). A súa elección ou rexeitamento deberá producirse en bloque. De saíren adiante, a súa ratificación producirase no Congreso Constituínte que terá lugar en Iruñea.

Nesta relación de persoas, a proposta presentada polas localidades abrangue un outro cargo de responsabilidade. Porén, a secretaría xeral ficará vacante após proporen maioritariamente desde as bases o nome de Arnaldo Otegi para exercer como secretario xeral de Sortu. Otegi permanece detido na prisión de Logroño desde 2009.

A composición final do máximo órgano de dirección entre asembleas completarase coa elección das responsabilidades de loita de masas, loita institucional e loita ideolóxica. Tamén así coas portavocías e coa responsabilidade para a resolución do conflito. Aliás, posteriormente sumaranse @s responsábeis de cada herrialde e das localidades de Euskal Herria.