Vintecinco concellos vascos farán consultas populares sobre o dereito a decidir de Euskal Herria

Vintecinco concellos vascos farán consultas populares sobre o dereito a decidir de Euskal Herria

O municipio de Bakaiku é o último, por agora, en se adherir a esta iniciativa impulsada por 'Gure Esku Dago' e que decorrerá o vindeiro 19 de xuño.


Bakaiku, un pequeno concello navarro, é o último, polo de agora, en se sumar á iniciativa impulsada por 'Gure Esku Dago' pola que diferentes concellos vascos realizarán o vindeiro 19 de xuño consultas populares sobre a independencia de Euskal Herria. Son xa 25 os municipios que anunciaron que ese día poñerán as urnas para que a veciñanza poida votar e decidir sobre o estatus do seu país. A maioría dos concellos son da comarca do Goierri, tradicionalmente un pulmón da esquerda abertzale, mais tamén os hai de Bizkaia e Nafarroa.

En abril darase a coñecer a pregunta. Até entón, comisións populares nos concellos implicados realizarán diferentes actividades e propostas en torno a esta consulta, abrindo o debate á veciñanza e máis concellos. “Comeza a xeira da decisión”, sinalaron desde 'Gure Esku Dago' nos inicios desta iniciativa. En xuño queren realizar un acto masivo en Bilbo a prol do dereito de autodeterminación. "Gure esku dago é unha dinámica popular que pretende integrar os 3.000.000 de cidadáns que viven neste pobo”, sinalou Alex Zenarruzabeitia, un dos responsábeis desta plataforma.

Os referendos populares a decorrer en 2016 teñen un antecedente en 2014, cando vilas como a navarra de Etxarri-Aranatz realizou unha consulta entre a súa veciñanza sobre a independencia de Euskal Herria, gañando o Si a esta opción.



x