A MALA XESTIÓN E AS PRESIÓNS POLÍTICAS ABOCAN AO DEPORTIVO DE LENDOIRO Á LEI CONCURSAL

A mala xestión e as presións políticas abocan o Deportivo de Lendoiro á lei concursal

A mala xestión e as presións políticas abocan o Deportivo de Lendoiro á lei concursal
lendoiro
lendoiro  
A inmensa débeda contraida pola actual directiva deixa o clube coruñés nunha complicada situación na que non é marxinal o papel xogado polo lobby da grande burguesía local.

Após varias semanas de incerteza e xa anos de discusión arredor das contas, finalmente o Deportivo terá que acollerse nestes días -con case que toda probabilidade antes da Xunta Xeral de accionistas deste venres 21- á Lei Concursal, tamén coñecida como concurso de acredores e que pode supoñer unha revolución total na xestión do club, que atravesa un dos seus momentos máis complicados a nivel xeral dos últimos lustros, xa que á súa difícil situación económica suma unha grave crise futbolística que o mantén situado como pechacancelas da Primeira división.

Cunha débeda recoñecida de 100 millóns de euros -que algunhas fontes consideran que pode ser superior- o Deportivo leva dous meses con todos os seus ingresos embargados por Facenda, un dos principais acredores da entidade xunto a Novagalicia Banco e varios ex futbolistas ou incluso adestradores. Acóllese así o club coruñés a unha fórmula que xa utilizou -e da que xa saíu- o Celta e que lle permitirá volver a dispoñer de certa liquidez, cuestión esta vital na súa supervivencia inmediata xa que así poderá cobrar a principios de ano doce millóns en concepto de dereitos televisivos.

Unha vez entre en concurso, todos os movementos do Deportivo serán tutelados de forma xudicial

 

Porén, unha vez entre en concurso, todos os movementos do Deportivo serán tutelados de forma xudicial e incluso cabe a posibilidade de que, de apreciaren unha mala xestión, o actual Consello de Administración -onde o mando do presidente Augusto César Lendoiro é absoluto e practicamente individual- sexa apartado dos actuais poderes, sen que se descarte incluso que se inicie un proceso xurídico contra eles. Son [email protected] @s analistas que consideran que evitar ese posíbel desenlace era a auténtica razón pola cal Lendoiro intentou até o último momento buscar outras vías de solución, segundo as súas verbas “para pagar até os últimos euros”, xa que normalmente coa Lei Concursal os acredores acaban perdendo parte do que se lles debe.

As disparatadas cifras negativas do Deportivo proceden da discutida xestión de Lendoiro, nun caso paradigmático da burbulla futbolística que, a nivel estatal, debe preto de 700 millóns de euros á Facenda pública. A maiores, o presidente do club cobrou uns importantes emolumentos durante a última década, ao recibir como soldo o un por cento do presuposto malia o evidente fracaso da súa xestión económica, que intenta defender mediante a lembranza dos éxitos sobre o céspede. “Sen a débeda tería sido imposíbel obter os trunfos e os títulos que agora temos, por desgraza en canto se sucederon algúns tropezos comezou a medrar unha débeda moi importante pero que poderíamos asumir de ter recibido o mesmo trato que outros clubs, pero ao Deportivo se lle quere afogar”, asegura Lendoiro, que abre así outra liña explicativa do que lle ocorre á entidade branquiazul, que se suma á súa polémica xestión e ten que ver cunha especie de guerra civil entre sectores da burguesía coruñesa.

Lendoiro mantén un duro enfrontamento desde hai décadas co poderoso lobby coruñés procedente dos anos do alcalde Francisco Vázquez e que tivo e agora mantén ao periódico que preside Santiago Rey como principal ariete.


“Cando negociaba con Facenda en Madrid existía un bo entendemento, pero cando hai pouco deciden que as cuestións relacionadas co Deportivo pasen a ser tratadas desde A Coruña é cando quedamos en mans da presión de La Voz de Galicia e se pecha o entendemento”, relata o presidente do Deportivo. Lendoiro mantén un duro enfrontamento desde hai décadas co poderoso lobby coruñés procedente dos anos do alcalde Francisco Vázquez e que tivo e agora mantén ao periódico que preside Santiago Rey como principal ariete. Apartado do PP -do que chegou ser candidato á alcaldía- para favorecer as boas relacións entre o vazquismo e o fraguismo, na actualidade Lendoiro non ten o máis mínimo apoio dentro do partido gobernante, onde a influencia dos seus inimigos resulta infinitamente maior. E estes queren derrubar ao presidente do Deportivo, factor relevante para que a vía da negociación para o pago das débedas con Facenda acabase pechada, ao contrario do que ocorreu con outras entidades, como por exemplo un Atlético de Madrid cuns números vermellos semellantes aos do club branquiazul.

No fondo do asunto sobresae con forza a burbulla futbolística, unha das moitas xeradas polas elites nos supostos -e artificiais- “anos de bonanza”. Tamén unha xestión como a de Lendoiro, chea de sombras, opacidade e, segundo algunhas fontes, intereses propios. A maiores aparecen tamén as presións políticas e mediáticas. Un cóctel que agora concede aínda máis importancia aos resultados do Dépor, posto que se ben o proceso concursal podería ser asumíbel grazas ás excesivas cantidades que segue a xerar o fútbol de elite (mentres o de base agoniza) un novo descenso a Segunda deixaría a porta aberta a unha crise de tal tamaño que até podería significar a desaparición da histórica entidade. Fútbol no precipicio.