A Xunta persónase no Supremo para salvar o decreto de plurilingüismo, rexeitado masivamente nas rúas

A Xunta persónase no Supremo para salvar o decreto de plurilingüismo, rexeitado masivamente nas rúas
Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura e Educación da Xunta
Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura e Educación da Xunta  Xoán Crespo
Dous días despois de que unha maré reclamase en Compostela o dereito ao ensino en galego, a Xunta dá un novo golpe na mesa personándose no Supremo “para ter opción a recorrer as sentenzas do TSXG sobre plurilingüismo”.

A nota de prensa emitida pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa de que hoxe mesmo se personou diante do Tribunal Supremo co fin de presentar o recurso de casación contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza galego arredor do decreto do plurilingüísmo.

No comunicado explica a Consellaría que ten á fronte a Xesús Vázquez que agardaron até o derradeiro día do prazo por se “se producía algunha resposta dialogante e construtiva acerca da proposta que no seu día fixo o presidente da Xunta”.

Volven sobre os argumentos xa empregados e a Consellaría advirte que “non pode admitir as imposicións que algúns partidos ou colectivos pretenden”, ao seu ver, contrarias ao que opina a maioría e as propias sentenzas do TSXG “que non derrogou, como pretendían os recorrentes, o decreto de plurilingüímo”.

A vontade da Xunta é, polo tanto, continuar adiante co recurso de casación, para o que o Tribunal Supremo, de ser o caso, dispón dun máximo de 30 días para comunicar o prazo en que deberá presentalo. “Presentación que non impediría a súa retirada se os recorrentes e a oposición aceptasen a mencionada proposta feita hai máis dun mes polo presidente da Xunta”.