Adega convida a participar en “Charcas con Vida” para recuperar os humedais

Adega convida a participar en “Charcas con Vida” para recuperar os humedais
.
.  

O 2 de febreiro conmemórase o Día dos Humedais e Adega fai un convite á participar no seu programa “Charcas con Vida”, unha maneira colaborativa na que o voluntariado, inventaría, conserva e promove pilóns, brañas, charcas ou zonas inundadas. 


Pouco valor se lle dá e sen fundamentais para a biodiversidade. Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Rías de Ortigueira e Ladrido; Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; Lagoa e areal de Valdoviño e Ría do Eo son os únicos humedais protexidos. Fóra deses, quedan infinidade de pequenas charcas, pilóns ou brañas que Adega quere inventariar e protexer pola súa relevancia na conservación da biodiversidade. 

Con este obxectivo naceu o pasado ano, por volta tamén da conmemoración do Día dos Humedais, o proxecto “Charcas con vida”, unha iniciativa da asociación ecoloxista que conta coa colaboración dun amplo grupo de voluntarias e voluntarios que partillan nesta iniciativa de educación ambiental e custodia do territorio. Ao longo deste ano de vida, que partiu dunha xornada con especialistas celebrada en Pontevedra, “Charcas con Vida” desenvolveu tres liñas de actuación, a primeira, centrada na difusión da importancia das charcas, a segunda a creación dunha rede cidadá para o seu estudo e inventariado e a terceira centrada en actuacións de construción e recuperación das charcas por medio de acordos de custodia e voluntariado ambiental. 

Inventario na rede

Contra a pouca valoración das charcas, que non contan con ningunha figura de protección, Adega quere que a implicación social contribúa a destacar o seu valor e traballar de maneira colaborativa na súa conservación. “Móllate e faite protagonista da súa conservación!” é o lema co que convidan a participar en “Charcas con Vida”, diante da conmemoración do Día dos Humedais. 

Información sobre estes ecosistemas ademais do inventariado colaborativo de charcas nos que convidan a intervir localizando e aportando datos sobre novos humedais está dispoñíbel no web do proxecto “Charcas con Vida”. Solicitan que quen teña nos eu territorio algunha charca, pilón, braña ou zona inundada se anime a contribuír para aumentar os puntos de localización do seu mapa.