Adega demanda a retirada do plan da Xunta que promove a megaminaría contaminante

Adega demanda a retirada do plan da Xunta que promove a megaminaría contaminante
Corcoesto
Corcoesto  Maia

A asociación ecoloxista ADEGA demanda a urxente constitución do Consello da Minaría e a paralización dos permisos en tramitación. Esixen a retirada do Plano da Minaría por promover a megaminaría contaminante. 


O Plano Sectorial de Actividades Extractivas -Plano da Minaría- vai permitir, segundo Adega, abrir as portas a novas explotacións mineiras en terreos que até agora estaban vedados, respondendo, ao seu ver, aos intereses das transnacionais mineiras. “O Plano da Minaría de Feijóo considera a totalidade do territorio galego como explotábel e non establece límites para o uso de técnicas agresivas como a cianuración ou o "fracking"” denuncian. 

Adega esixe por iso a retirada do plan e a paralización dos permisos mineiros en tramitación ademais da constitución urxente do Consello da Minaría. 

Incorpora a asociación ecoloxista dez puntos que se deben contemplar neste ámbito, entre outros, a necesidade de que a extracción non dependa dos intereses das empresas, o uso de solucións tecnolóxicas avanzadas, a protección do medio ambiente, do patrimonio histórico-arqueolóxico e cultural e os usos do solo, a conservación dos sistemas agroforestais ou a prohibición da extracción a ceo aberto. 

Recolle o documento a conveniencia de que non se concedan permisos de exploración, investigación e explotación mentres non se constitúa o Consello da Minaría e entre en vigor o Plano Sectorial de Actividades Extractivas polo que esixen a suspensión de todos os permisos e concisións en tramitación.