ADEGA denuncia na Comisión Europea a actuación da Xunta en Cabo Vilán

ADEGA denuncia na Comisión Europea a actuación da Xunta en Cabo Vilán
Cabo Vilán
Cabo Vilán  

ADEGA levará á Comisión Europea o conflito polas baterías tóxicas de Fenosa en Cabo Vilán. A asociación ecoloxista denuncia a actuación da Xunta, malia á renuncia da central á instalación de baterías experimentais tóxicas. 


Que Fenosa renuncie á instalacións das baterías experimentais tóxicas en Cabo Vilán non impide cuestionar unha actuación da Xunta que, segundo Adega, puña en perigo un espazo de especial protección e riqueza ambiental . O que evidenciou o conflito creado arredor da ameaza dun espazo da Rede Natura 2000, segundo a asociación ecoloxista, é a neglixente actuación da Xunta nun hábitat de máximo grao de protección segundo a lexislación europea, estatal e galega que é o que agora denuncian diante da Comisión Europea. 

“A Xunta de Galiza decidiu non someter este proxecto ao procedemento de avaliación ambiental, ao considerar que “non é previsible” que “vaia producir efectos significativos””, sinalan desde Adega arredor da actuación fronte a un proxecto de construción dunha planta experimental de almacenamento electroquímico de enerxía para o que se instalarían dous tanques con substancias tóxicas e corroxivas. 

Sen proceso de avaliación ambiental

Un proxecto como este, pola súa natureza e o espazo no que se ía instalar, tiña que se someter, entre outros requisitos, a un proceso de avaliación ambiental e realizar trámites d información pública e consultas ademais dunha declaración de impacto ambiental que se obviaban no caso de Cabo Vilán. 

“Como é posíbel pois que unha administración, através da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolva, obviando a lexislación europea, estatal e galega , non aplicar estas normas e eximir a Fenosa dun trámite obrigatorio para o resto dos mortais?”, pregúntanse desde Adega.