Un AFondo sobre Rosalía de Castro, a escritora que nos revela a nación que somos

Un AFondo sobre Rosalía de Castro, a escritora que nos revela a nación que somos

Publicamos neste número 78 do semanario Sermos Galiza un caderno monográfico, un especial A Fondo, sobre Rosalía de Castro, a fundadora da literatura nacional galega.


Coordenado polo escritor e crítico literario Francisco Rodríguez, autor da imprescindíbel e monumental Rosalía de Castro, Estranxeira na súa Patria (AS-PG, 2010), con este A Fondo Sermos Galiza culmina o traballo de divulgación realizado este 2013 co gallo da conmemoración do 150 aniversario de Cantares gallegos.

Canda Francisco Rodríguez, escreben neste A Fondo, o caderno de análise do Sermos Galiza que con este chega ao seu número 48, a profesora de Literatura galega Celia Armas García; a catedrática e o catedrático da Universidade de Granada, Aurora López e Andrés Pociña, respectivamente; a profesora da UDC e escritora, María Pilar García Negro; a profesora e investigadora María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda e a catedrática da Universidade de Maine (EUA) e escritora, Kathleen March.

Luz contra os prexuízos deformadores

O caderno leva como título xenérico o de Rosalía de Castro, a liberación das tebras, e os seus textos son iso, luz esclarecedora contra os "prexuízos e lentes deformadores" que encubriron á poeta nacional galega e que, infelizmente, a continúan encubrindo aínda nos nosos tempos.

"Sen Galiza ela non tería identidade, posto que española non era..."

Este A Fondo especial, como as páginas que durante 6 meses publicou Sermos Galiza no seu semanario en papel, fai parte do proxecto sobre Cantares gallegos promovido pola Sociedade Cultural Medulio e patrocinado pola Deputación da Coruña.

"Este A Fondo", pódese ler na súa capa, "non é máis que outro mergullo no mundo rosaliano, un manancial de auga pura, onde saciar a nosa sede de coñecemento, de fermosura, esperanza e orientación como galegos e galegas de nación nunha situación crítica".

As e os colaboradoras/es deste traballo, todos eles rosalianas e rosalianos, deitan luz sobre distintos aspectos dunha figura -muller, escritora e galega consciente- sen a cal é imposíbel entender xa non a literatura da Galiza, senón a súa historia.

Como afirma no seu artigo Kathleen March, Rosalía "defendía e dignificaba o país galego porque sen Galiza ela non tería identidade, posto que española non era...".