Agroglamour entre chimpíns e jalpóns no X aniversario de Cans

Agroglamour entre chimpíns e jalpóns no X aniversario de Cans
Festival de Cans, presentación
Festival de Cans, presentación  

O Festival de Cans chega ao seu décimo aniversario e polas corredoiras pasearán algunhas das celebridades convidadas nesta década. Bajo Ulloa, Gran Wyoming, Tony Lomba, Silvia Superstar, Manuel Manquiña ou Xavier Villaverde subirán aos chimpíns do festival máis singular do audiovisual. 


As estrelas que brillaron no torreiro da festa, nos jalpóns, nos cubertos ou nos baixos das casas regresan do 22 ao 25 de maio a Cans para conmemorar o décimo anivesario dun festival que ten no agloglamour o seu principal sinal de identidade. Desta volta, máis de cen proxeccións audiovisuais e vinte actuacións musicais compoñen un programa especial para unha data especial, conmemorar o X que xa locen as camisetas de Rei Zentolo que vestirán o Festival. 

Cun revival da súa propia historia, a Cans regresarán Wyoming, Víctor Coyote, Jorge Ilegal, Juanma Bajo Ulloa, Silvia Superstar, Tony Lomba e Elio dos Santos ou Manuel Manquiña, que recibirá nesta edición o premio Pedigree 2013. 

Presentación no Bar Fortes

No Bar Fortes, coma sempre, presentouse esta nova edición nun acto no que, entre outros representantes das entidades e institucións colaboradoras estivo Alfonso Pato, director e tamén veciño de Cans quen hai dez anos ideou este proxecto que sorprendeu e prendeu de seguida. No programa do décimo festival estrearase Somos Gente Honrada de Alejandro Marzoa e Toñito Blanco, só, perdido e vicioso, de Xacobe Sineiro e Nico Campos que revisará a figura do director de cine falecido en 1994 con 29 anos e autor do filme xa de culto La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos, que cumpre dúas décadas e tamén se proxectará en Cans. 

Por Cans pasearán boa parte dos protagonistas do audiovisual galego. Os realizadores Andrés Rosende, Alberto Vázquez, Enrique Otero e Jorge Coira contarán na sección “A que andas?” os seus novos proxectos e darase conta dunha serie de curtas LGTB de produción galega. Como a Bretaña é o país convidado, proxectarase unha selección de curtas do Festival de Douarnenez. Os directores Juanma Bajo Ulloa, Manuel Fernández-Valdés, Fernando Cortizo, Alfonso Zarauza encontraranse co público nos Coloquios na Leira e Arredores 

El Gran Wyoming, Jorge Ilegal, Tony Lomba, Silvia Superstar, Cé Orquestra Pantasma formarán parte do programa musical que contará con máis de vinte actuacións. Renderáselle no Festival unha homenaxe ao compositor Rogelio Groba, que debutou como director en Cans hai 65 anos. Con programación especial para escolares e a novidade das sesións matinais, a veciñanza de Cans está pronta para recibir ao famoseo do audiovisual no popular festival no que case ninguén queda sen partillar na organización. Os chimpíns, os baixos e os jalpóns están xa prontos.