Un alcalde imputado derrota o secretario do PSOE de Lugo rumo á presidencia da Deputación

Un alcalde imputado derrota o secretario do PSOE de Lugo rumo á presidencia da Deputación

O PSOE coloca un alcalde imputado na cabeceira da carreira á presidencia da Deputación de Lugo. O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, impúxose ao secretario xeral do PSOE provincial  Juan Carlos González Santín, na asemblea na que se elixiron os 5 deputados provinciais polo partido xudicial de Lugo. 

 


O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, albíscase como candidato do PSOE á presidencia da Deputación de Lugo, en substitución do secretario xeral do partido en Galicia, López Besteiro, unha vez se impuxo por 59 votos a 37 ao secretario provincial do partido na provincia Juan Carlos González Santín, tamén deputado no Parlamento galego. 

A derrota do máximo responsábel orgánico na provincia deixa o partido nunha situación conflitiva, unha vez que a falta de apoios ao cargo que fora respaldado polo propio Besteiro mostra a ausencia de unidade na provincia que upou o secretario xeral e da que, até o momento, se gababa de ser a máis cohesionada do PSOE. 

A votación conduce á cabeceira da carreira cara á Deputación de Lugo ao alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, imputado por unha obra da Deputación tras a investigación do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo pola denuncia presentada polo alcalde de Portomarín. A imputación de Martínez, que tivo que declarar o pasado ano nos xulgados, debíase a malversación no seu cargo de deputado de Obras. 

"O rexedor de Becerreá contou para a votación co apoio de alcaldes críticos coa xestión da Deputación e, en especial, de funcionarios e asesores próximos a Besteiro"

Santín, derrotado

O rexedor de Becerreá contou para a votación co apoio de alcaldes críticos coa xestión da Deputación e, en especial, coa acción de funcionarios e asesores próximos a Besteiro mais tamén cun núcleo que se posicionou da súa parte para manter a súa posición no organismo provincial. A listaxe de Martínez fíxose con catro dos cinco postos do partido xudicial de Lugo, entre os que se atopaban Pablo Rivera Capón, de Láncara, asesor de novas tecnoloxías, da Deputación, Álvaro Santos de Friol e  Sonsoles López Izquierdo de Paradela. Da lista de Santín é só el o que entrará na Deputación polo partido xudicial de Lugo, mais no ar está aínda se toma a decisión de se converter en deputado provincial ou opta por continuar no seu posto do Parlamento galego. 

A derrota de González Santín mostra, segundo fontes próximas, o pouco peso político do máximo cargo orgánico do PSOE na provincia e tamén a falta de implicación do secretario xeral, López Besteiro na defensa da súa candidatura.