Animan a moverse contra a feira taurina e a “tauromafia” da Coruña


Animan a moverse contra a feira taurina e a “tauromafia” da Coruña

Unha feira taurina en formato reducido cun mínimo de 100.000 € de cartos públicos. Colectivos animalistas e abolicionistas fan un chamamento á participación cidadá na manifestación do vindeiro domingo 5 de outubro. 

Uns 100.000 € nunha feira taurina en formato reducido para esta nova edición e 600.000 € desde 2011. Ese é o apoio municipal que a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas denuncia do goberno de Negreira. Os datos volveron poñerse sobre a mesa no anuncio da convocatoria que o vindeiro 5 de outubro ás 12 horas sairá do Obelisco da Coruña con destino na Praza de María Pita, onde se sitúa o pazo de goberno local. 

O acto de protesta está convocado por colectivos animalistas e abolicionistas que fan un chamamento á cidadanía a se mobilizar contra as touradas apoiadas por cartos públicos. O voceiro da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez, centro a súa presentación na defensa dunha conciencia cívica maioritaria contra o que chamou “tauromafia”, a trama que, segundo denunciou recibiu desde 2011 arredor de 600.000 € e ocasionou dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza por concesión irregular e deficiencias de seguridade no Coliseum. Lembrou tamén que ese apoio municipal acontece cando se sabe que o 75,5% da cidadanía se manifestan contra os subsidios ás corridas de touros. 

As equivalencias sociais

Fixo cálculos Rubén Pérez para concluír que cos cartos que o PP destinou á tauromaquia poderíanse financiar 60.000 horas de servizo de atención domiciliaria para persoas dependentes, ter contratado unha trintena de traballadores sociais ou abrir durante un ano catro escolas infantís.