O aniversario do seu asasinato reaviva a relevancia histórica da figura de Moncho Reboiras

O aniversario do seu asasinato reaviva a relevancia histórica da figura de Moncho Reboiras
[Imaxe MGS]
[Imaxe MGS]  

O portal da Rúa da Terra, en Ferrol, onde tal día coma hoxe de hai 39 anos foi abatido a disparos da policía o militante nacionalista Ramón Reboiras será o centro dos actos da UPG na homenaxe a quen foi un dos seus membros. MGS, Nós-UP e FPG realizarán tamén actos de lembranza a Reboiras. 


Pouco máis de tres meses faltaban para a morte de Francisco Franco naquel 1975 cando as balas da policia da ditadura remataban coa vida do militante da Unión do Pobo Galego, Xosé Ramón Reboiras Noia na rúa da Terra, en Ferrol. A figura de Moncho Reboiras íase converter en símbolo da loita nacionalista, en especial, nas fileiras da UPG na que militou e que naquel tempo padecía unha forte represión e un ríxido control. Reboiras tiña 25 anos cando foi asasinado e levaba desde os 19 militando na UPG. 

Cada ano, a UPG desenvolve actos de homenaxe no 12 de agosto, en lembranza de Moncho Reboiras e, desta volta, as conmemoracións terán unha especial significación ao ser cumprir neste ano o 50 aniversario da creación do partido comunista e nacionalista. A UPG explica que o asasinato de Reboiras e a persecución a seus militantes eran a resposta das forzas represivas á “firmeza con que  afrontaron a loita por unha Galiza soberana e socialista e, particularmente, no empeño  permanente por dotar o pobo galego de forzas propias en todos os ámbitos, sen dependencias alleas, como a única maneira de garantir ás clases traballadoras da Galiza un futuro que o estado español e os intereses dos seus poderes económico-políticos lle negaban e lle continúan a negar”. 

Os actos da UPG iniciaranse ás 19:00 horas cunha concentración na Praza de Armas para logo saír cara á rúa da Terra onde terá lugar a ofrenda floral e o canto da Internacional. A seguir o acto político desenvolverase no Cantón coa intervención de Andrea Martíns, da UMG, Iván Ribas, Portavoz Municipal do BNG e Néstor Rego. Secretario Xeral da UPG e membro da Executiva Nacional do BNG. Presentarase tamén a “Oda a Moncho Reboiras” que interpretará o propio autor, Paco Montero. 

Tamén en Imo e Vigo 

Pola súa banda, o Movemento Galego ao Socialismo homenaxeará por quinta vez consecutiva a Moncho Reboiras no cemiterio de Imo cun acto que se celebrará ás 13 horas e no que intervirán  Bieito Pérez, do BNG de Dodro, Noa Presas, de Isca!, Xesús Chaves, de Memoria Histórica do 72, e Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela.

Para o MGS, Reboiras representa “un militante exemplar, que realizou inmensas achegas á organización do nacionalismo no ocaso do franquismo, asentando as bases da organización política, do sindicalismo nacionalista e do asociacionismo cultural”. 

Tamén Nós-Unidade Popular organizará, como leva facendo desde o 2001, a súa homenaxe a Reboiras neste 12 de agosto en foram de concentración na Rúa da Terra, Coa lenda “Moncho Reboiras, semente da República Galega” no acto intervirá a portavoz nacional de BRIGA, Eva Cortinhas, e o membro da Assembleia Comarcal de Trasancos e da Dirección Nacional de Nós-UP, Maurício Castro. Na convocatoria da homenaxe afirman que asumen “como próprios os objetivos estratégicos polos que Reboiras deu a sua vida: a construçom da República Socialista da Galiza”. 

Finalmente, A FPG promove o acto de homenaxe “Moncho Reboiras. Semente de Vencer” que se desenvolverá a quinta feira día 14 na Praza do Toural de Teis, Vigo, ás 20 horas. Definen a Reboiras como “figura central da nosa historia recente e imprescindíbel para entender o momento histórico en que vivimos”. Intervirán Xosé Luís Méndez Ferrín e os secretarios de zona de Xeira e da FPG.