Auga e enerxía, aforros ecolóxicos que poden contribuír a chegar a fin de mes

Auga e enerxía, aforros ecolóxicos que poden contribuír a chegar a fin de mes
Auga
Auga  

Chegar a fin de mes é cada vez máis difícil en maior número de casas. Os recortes en auga e enerxía poden contribuír ao aforro mensual alén de promover comportamentos ecolóxicos. O  coordinador dos obradoiros de economía sostíbel no fogar de ADEGA, Anxo Lamelo, dános as claves para o aforro. 


Anxo Lamelo ofrécenos consellos para o aforro en auga, onde cada día se perden millóns de litros sen uso. 

-De usar a ducha en troques do baño aforraríamos 160 litros. Un baño son 200 e unha ducha 40. 

-Encher un vaso en lugar de ter a billa aberta para lavar os dentes ou afeitarse aforra de 10 a 20 litros. 

-Tirar da cisterna só cando sexa preciso. Cada descarga son de 15 a 20 litros. 

-Se non temos cisterna de carga reducida, podemos introducir unha botella chea de area co que conseguiremos que diminúa a súa capacidade. 

-Na cociña, compre introducir a louza para lavar nunha cuba ou no vertedoiro e fregar co deterxente xusto. A auga correndo é un gasto innecesario e o exceso de deterxente conduce ao uso desproporcionado de auga. Aforro de deterxente implica aforro de auga. 

-Non desconxelar os alimentos con auga, sacalos con tempo. 

-Reutilizar a auga de ferver para regar as plantas. Ademais vaille aportar nutrientes. 

-Regar á mañanciña ou á noitiña evita a evaporación co cal aproveita máis a auga. 

-O emprego de plantas autóctonas significa tamén un aforro de auga xa que están afeitas ao noso clima e adáptanse á que xa temos. 

En canto á enerxía, o aforro é igual de interesante e pode reportar unha redución importante de gasto mensual. Segundo os estudos que ADEGA manexa, o consumo enerxético no fogar repártese entre o 30% de calefacción, o 28,5% en auga quente, o 20,5 % en electrodomésticos, o 11% na cociña e o 10% en iluminación. Con estas cifras na man, aí van os consellos de Anxo Lamelo: 

-Control da temperatura da calefacción. Aumentar un grao supón o incremento dun 7% consumo enerxético. A temperatura recomendábel será 18 e 20 graos polo día e entre 14 e 17 pola noite. A posición económica estaría nos 15 graos. 

-Apagar os radiadores de habitacións que non usamos. 

-Pechar as persianas pola noite para evitar a perda de calor. 

-Un sistema de acumulación de auga quente é máis eficiente que o de produción instantánea. 

-O mellor sistema de aforro é un bo illamento, dobre cristal e persianas. 

-No tocante a electrodomésticos, á hora de cambialos é importante optar polos etiquetados como clase A. 

-Mercar os electrodomésticos axeitados ás necesidades, non de grande tamaño por si...

-Non introducir elementos quentes nin na neveira nin no conxelador. 

-Tanto lavadora como lavalouzas, compre usar con carga completa e temperaturas baixas. En auga fría gasta entre o 80 e 85% menos de enerxía. 

-Evitar a secadora na medida do posíbel. O sol é gratis e ecolóxico. 

-Controlar o modo standby ou o “consumo fantasma”. Só apagar os electrodomésticos e aparatos no interruptor ou nunha regleta e desconectala poden aforrar 40 euros anuais. 

- Á hora de cociñar o fondo de tixolas e potas ten que ser superior á fonte de calor. 
-Usar potas a presión ou se non as normais tapadas na cocción para aproveitar o calor. 

En canto á iluminación: 

-A mellor iluminación é a natural. Compre aproveitala cando se poda. 

-Non deixar luces acesas en cuartos que non se usan. 

-Mudar as lámpadas por baixo consumo. Unha de 20 aforra ao longo da vida 68 euros e custa uns 14,5 ou 15. Evita tamén a emisión de case media tonelada de CO2.