Multitudinaria resposta fronte ás políticas do PP

Multitudinaria resposta fronte ás políticas do PP

Milleiros de persoas mobilizáronse na Galiza este 1º de Maio nos protestos convocados en todo o País pola CIG, CC OO, UGT, CUT, CNT, CGT e polo movemento feminista. Nunha breve crónica damos conta do sentir galego perante unha cifra de [email protected] que camiña cara ás 300 mil persoas. A central nacionalista reclamou en todas as súas concentracións a convocatoria inmediata dunha greve xeral



"A Galiza que nós queremos non ten cabida nesta Unión Europea". Foi a proclama que o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, lanzou en Vigo, na manifestación central convocada pola central nacionalista da cal fixeron parte por volta de 30 mil persoas. O lema, Partido Popular-Unión Europea, menos dereitos e máis pobreza.

As palabras de Seixo foron masivamente contestadas con berros de 'Independencia' e en prol dunha 'Folga xeral', proclamas ambas as dúas que se repetiron en todos os protestos que o sindicato convocou en até once vilas e cidades do País para conmemorar os 127 anos do asasinato de cinco traballadores anarquistas de Chicago, condenados á morte por teren reclamado unha xornada laboral de oito horas. 

Outras 20 mil persoas secundaron na Coruña o chamamento conxunto de CC OO e UGT na mobilización central que convocaron, canda outras oito que se repartiron polas vilas e cidades baixo o lema Non teñen límites. Neste 1º de Maio tamén CUT, CNT e CGT chamaron ás rúas, para alén do movemento feminista, que formou un bloco lilá en Compostela. 

Desde media mañá todas as mobilizacións foron recorrendo as rúas da Galiza pedindo ao unísono a convocatoria dunha greve xeral en que a CIG dixo que estaba a traballar, segundo sinalou o seu secretario xeral en Vigo, anuncio que foi respostado, máis unha vez, cunha grande ovación. "Estas políticas hai que as parar e hai que botar do goberno a quen as promove", enfatizou en declaracións á imprensa, subliñando que a greve é "totalmente necesaria".

Porén, cómpre agardar a que CC OO e UTG manifesten tamén a súa intención de a secundar. De momento, en Madrid, os seus respectivos secretarios xerais pediron a Rajoy que os convoque a unha reunión "para pactar un cambio de rumbo". Desde a CIG deixan claro que "non hai nada" que acordar co responsábel da ofensiva contra a clase traballadora que deixou xa máis de 6 millóns de [email protected] no Estado e vai camiño das 300 mil na Galiza.

Unhas cifras que Suso Seixo valorou este 1º de Maio como "históricas e profundamente alarmantes". Pola súa banda, o secretario xeral de CC OO, Xosé Sánchez Aguión, e o de UGT, José Antonio Gómez, reclamaron "outras políticas" que muden as actuais que condenan "a millóns de cidadáns ao paro e á miseria". En total, as dúas centrais calculan que foron por volta de 100 mil as persoas que se mobilizaron canda elas en toda Galiza. A CIG, que convocou en solitario, mobilizou algo máis de 60 mil persoas.

Para alén das 30 mil persoas de Vigo, recoñecidas mesmo pola policía local, a central nacionalista xuntou 10 mil na Coruña; 4 mil en Compostela, onde se ouviron cánticos como "Queremos traballo, queremos a Feijóo pendurado dun carballo"; 3.500 en Ourense; 2.500 persoas en Pontevedra; 500 en Vilagarcía; 400 na Mariña; e 2 mil en Ferrol, onde as fotos de Feijóo co narco Dorado estiveron presentes, ao igual que o estivo a viaxe a México do presidente da Xunta para vender o estaleiro de Barreras: "O amigo de Marcial afunde o naval". Tamén en Ferrol, o secretario comarcal da CIG, Anxo Pintos, pediu a liberdade para os seis presos independentistas galegos.