O BNG acusa o goberno de Rajoy de "lobista" das eléctricas pola penalización do autoconsumo

O BNG acusa o goberno de Rajoy de "lobista" das eléctricas pola penalización do autoconsumo

Cunha alegación á totalidade, o BNG pide a retirada do proxecto que regula o autoconsumo eléctrico do goberno de Rajoy, entre outras razóns, porque condena o sector das renovábeis e  penaliza a produción para o consumo. Cualificaron a lei de “retrógrada”


“Unha persoa que teña un placa fotovoltaica sen legalizar pode ser multada polo dobre que aquel que agoche un escape nuclear. Parece unha broma, pero é un exemplo claro de que este proxecto supón unha persecución á autoprodución e consumo de enerxía eléctrica”, sinalou a deputada Carme Adán que presentou a alegación á totalidade á lei do Goberno de Rajoy canda a deputada do do Congreso, Rosana Pérez. As sancións poden chegar aos 60 millóns de euros nunha política disuasoria que, para elas, só beneficia ás grandes eléctricas. 

Para as deputadas do BNG, a lei condena ao sector das renovábeis, penaliza o consumo e a produción para autoconsumo “cando o español é un dos estados con maior dependencia enerxética, o terceiro coa tarifa eléctrica máis alta e con 1,8 millóns de persoas que sofren pobreza enerxética” sinalaron. 

“Imposto ao sol e ao vento”

Cuestiona o novo proxecto, segundo Carme Adán, “unha forma máis democrática, limpa e barata de producir enerxía e, pola contra, encarece a factura da luz e penaliza o consumo”, co que, lembrou, xa se coñece como “imposto ao sol e ao vento”. A nova lei imporá “peaxes” en forma de impostos como o pago de acceso ás redes de distribución e cargos asociados aos custes do sistema convencional que, segundo denunciaron “na práctica fan inviables o autoconsumo ou produción para autoconsumo”, sinalaron. Rosana Pérez definiu ao ministro de Industria José Manuel Soria como “o maior lobista”, das grandes eléctricas.