Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica crean un Banco de Desenvolvemento, contrapeso ao FMI e Banco Mundial

Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica crean un Banco de Desenvolvemento, contrapeso ao FMI e Banco Mundial

Cada estado porá 10.000 millóns de dólares para esta ferramenta destinada a financiar proxectos en países en vías de desenvolvemento. Os BRICS tamén pulan por un fondo común para combater a crise


Os ministros de Finanzas dos cinco estados que compoñen o grupo coñecido como BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) acordaron crear un Banco de Desenvolvemento. Unha decisión adoptada en Durban, no marco do cumio que na cidade africana manteñen os xefes de estado destas cinco nacións.

Un dos puntos principais deste encontro era avaliar e estudar vías de cara a unha maior económica independencia económica de Occidente, alén dunha aposta por incluír o continente africano. Nesta liña, o Banco de Desenvolvemento procura principalmente financiar proxectos de infraestruturas en países en vías de desenvolvemento.

Cada un dos cinco estados poría 10.000 millóns de dólares. Este banco e un fondo anti-crise actuarían de contrapesos ao Fondo Monetario Internacional (FMI)  e Banco Mundial.

Os BRICS representan o 43% da poboación mundial e producen un 25% do Producto Interior Bruto (PIB) do planeta, queren se dotar de institucións e mecanismos comúns.

Aliás, os BRICS  tamén pulan por crear un fondo común cunha parte das súas reservas de divisas (máis de 4,4 billóns de dólares) para se axudar en caso de crise e falta de liquidez, evitando recorrer ao FMI.

Estes cinco estados tamén aspiran a crear unha axencia de cualificación, un mecanismo de reaseguros, un consello de empresarios ou unha clasificación das Universidades.