Bruxelas rexeita o dique flotante para Navantia Ferrol

Bruxelas rexeita o dique flotante para Navantia Ferrol
Navantia
Navantia  

A Dirección Xeral de Competencia da Comisión Europea confirma que non se construirá o dique flotante para Navantia, en Ferrol, co cal négase unha demanda clave para remontar a grave crise do sector naval da ría. 


A Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea vén de confirmarlle ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, do que depende a SEPI –accionista único dos estaleiros públicos-, que a construción do dique flotante en Navantia Ferrol nos termos nos que está formulada a consulta elevada a Bruxelas a finais do ano pasado colidiría co dereito comunitario e coas normas da libre competencia  porque precisaría de axudas estatais. Con esta comunicación péchaselle unha nova porta ao sector naval da ría, que desde hai máis de tres anos viña reclamando a construción dunha infraestrutura clave para potenciar a área de Reparacións, a máis rendíbel do grupo público. 

O voceiro do comité de empresa, Ignacio Naveiras, dixo estar “convencido” de que a SEPI “non defendeu de xeito contundente” a necesidade do dique flotante “por moito que o prometera nas diferentes campañas electorais”desde 2011. Ademais, asegurou que a decisión da Comisión da Competencia supón un agravio comparativo a respecto doutros estaleiros públicos europeos (franceses ou holandeses), nos que recentemente si se autorizaron inversións para a mellora das súas instalacións. 

Co rexeitamento ao dique flotante, a ría de Ferrol afástase dese “gran centro de reparacións” prometido polo presidente da Xunta, Núñez Feijóo, nos seus programas electorais e perderá a opción de introducirse no mercado de transformacións e reparacións dos buques civís de maior porte que se están a fabricar na actualidade. Porén, Naveiras indicou que, malia o revés, non deixaran de esixir a quen goberne en cada momento que “busque os mecanimos financeiros ou crediticios que cumpran para acadar esta ferramenta indispensábel para o desenvolvemento das nosas potencialides”, máis se cadra, dixo, “nunha comarca caracterizada polo monocultivo do naval, do que depende gran parte da nosa economía”.