Trece mobilizacións completan esta terza feira a exitosa folgal da sanidade

Trece mobilizacións completan esta terza feira a exitosa folgal da sanidade
.
.  

A poboación galega está chamada esta terza feira a participar en trece mobilizacións en apoio ás mesmas reivindicacións que conduciron ao persoal da sanidade pública a dous días de folga contra a privatización e o deterioro dos servizos. Os sindicatos convocantes CIG, CCOO, CESM e O´Mega estimaron no 80% o seguimento da folga. 


Segundo día de folga e esta terza feira a cidadanía está convocada a se sumar ás reivindicacións do persoal da sanidade pública contra a privatización con mobilizacións convocadas por todo o país. A folga contou co apoio da Plataforma SOS Sanidade Pública que fai agora un chamamento a toda a poboación para apoiar a protesta contra os recortes, os copagos e a privatización da sanidade pública. 

“Chegou o momento de articular unha grande alianza entre poboación e traballadores/as da sanidade en defensa dunha sanidade pública de calidade e por recuperar o dereito a unha sanidade pública universal accesible e de calidade”, sinalan desde SOS Sanidade Pública, plataforma que denuncia a desmantelización e privatización dos servizos sanitarios públicos e o reparto de parcelas de interese económico entre “grupos empresariais afíns, aseguradoras, multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras”. 

“Se os/as afectados/as, que somos a maioría social e profesional, non reaccionamos de xeito urxente, deica pouco o desmantelamento e privatización da sanidade pública será irreversible, xa que a Xunta transformaría os centros sanitarios en empresas privadas, recortando o persoal, e obrigándonos a pagar pola asistencia sanitaria”, destacan no comunicado no que convidan á participación social nas trece mobilizacións convocadas esta terza feira en cidades e vilas, nas poboacións que teñen hospital, maiormente ás 20: horas, agás en Cee que serás ás 12:00, ao Salnés que será ás 14:00, Ferrol ás 18:00 horas e Burela ás 20:30 horas. 

Os sindicatos convocantes valoraron o resultado da folga na súa primeira xornada como “moi satisfactorio” e cifraron o seguimento por riba do 80%. CIG. A Consellaría contabilizou un 21,85% de seguimento ao non contabilizaren en servizos mínimos, en todo caso cifras superiores a anteriores greves.  As cifras de seguimento ofrecidas polas centrais convocantes sería do 75% en Ourense (a consellaría só recoñece un 15,28%), o 85% en Pontevedra incluíndo O Salnés e a mesma cifra para A Coruña (a consellaría só recoñece un 25,64% e un 29,6% respectivamente), o 70% en Ferrol (a consellaría só recoñece un 36,66%), o 85% en Vigo (a consellaría só recoñece un 30,12%) e por volta do 60% en Lugo e en Compostela (a consellaría só recoñece un 12,64% e un 11,9% respectivamente). CCOO, CESM e O´Mega animaron tamén á poboación a se sumaren hoxe ás mobilizacións de todo o país para mostrar a forte oposición á política privatizadora do PP. 

Mobilizacións convocadas para a terza feira 10

  • Cee: 12h concentración diante da porta principal do Hospital
  • Salnés: 14h concentración diante da porta principal do Hospital
  • Ferrol: 18h con saída da Praza de España
  • O Barco: 20h con saída do hospital comarcal Conde de Fenosa
  • Ourense: 20h con saída do Pavillón dos Remedios
  • Vigo: 20h con saída do Hospital Xeral
  • Lugo: 20h con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza
  • Pontevedra: 20h con saída da porta principal do Hospital Provincial
  • Santiago: 20h con saída da Praza Vermella
  • A Coruña: 20h con saída da Casa do Mar
  • Barbanza: 20h con saída do centro de saúde de Ribeira
  • Monforte: 20h concentración na Praza de España
  • Burela: 20.30h con saída do Hospital da Costa