Comeza un curso de recortes, repagos e mobilizacións

Comeza un curso de recortes, repagos e mobilizacións
Escola infantil
Escola infantil  

Coa vista posta na mobilización do próximo 28 de setembro, A Plataforma Galega en defensa do Ensino Público promove unha concentración diante da Consellaría neste día de inicio de curso para denunciar o “desmantelamento” do ensino público. Lomce, menos profesorado e insuficientes prazas de infantil, pago de comedores e concertos con centros que segregan son algúns dos temas cos que xustifican a mobilización. 


Unha concentración hoxe mércores, día de inicio de curso, ás 11.30 horas é o avance co que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público manifesta á Consellaría de Educación a súa denuncia aos continuos recortes que os fan falar dunha situación de “desmantelamento” do ensino público. 

14.000 de 200.000

Coincidindo co inicio do curso en Educación Infantil e Primaria, a Plataforma en Defensa do Ensino Público anuncia que estuda presentar un recurso contra o decreto de comedores que limita a gratuidade de 14.000 a 200.000 alumnos e alumnos, obrigando a pagar mesmo a quen non pode ir comer a casa. Os recortes será un dos motivos da manifestación convocada para o 28 de setembro mais o curso trae repetida a oposición á Lomce que centrou tamén as manifestacións do interior e volve neste coas críticas a unha lei que a Plataforma cualifica de “españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos”. 

O novo decreto dos comedores, a limitación da gratuidade nos libros de texto, a redución das bolsas ou a suba de matrículas nos conservatorios anuncia un inicio de curso moito máis complexo para as familias aínda máis nun tempo en que moitas delas teñen problemas para chegaren a fin de mes. Os recortes no ensino público maniféstanse tamén redución de prazas, con 15 centros menos e 64 unidades de Infantil e Primaria suprimidas. 

Concertar con quen segrega

Malia os recortes, a Consellaría comeza un curso concertando 40 unidades novas e 18 ciclos formativos con centros que segregan o alumnado por xénero. O debate chegou ao primeiro pleno do Parlamento no que a deputada do BNG, Carme Adán defendeu unha proposición non de lei destinada a suspender os concertos por parte da Consellaría que non prosperou. 

Esixiulle ao PP que cumprira a sentenza que impide subvencionar con fundos públicos a estes centros e remitiuse á Lei de Educación e ao Decreto de admisión para demandarlle ao goberno que continuara a apoiar centros “sexistas, cunha educación sexista que non aplica ningún dos principios de coeducación”.