A Constitución que non dá máis de si, no nº 76 do Sermos

A Constitución que non dá máis de si, no nº 76 do Sermos
Capa_SG76
Capa_SG76  

Máis un número de Sermos Galiza sae do prelo. É o 35 aniversario da Constitución española de 1978. Analisamos a magna crise dun texto que non dá máis de si. Xa á venda na nosa loxa.


A Constitución española fai 35 anos. Esta semana debruzámonos sobre a crise que atinxe á Carta magna. Máis discutida do que nunca, o seu aniversario chega con serias dúbidas a respeito de se chegará a facer os 40. Nunha extensa reportaxe lembramos os sete fitos que marcaron esta trintena de anos e lembramos as forzas que participaron do pacto co franquismo na chamada Transición. 

Nas páxinas de política analisamos a estratexia do Partido Popular por situar no centro da axenda política a carreira ás eleccións locais e repasamos os acordos adoptados por Nós-UP na súa última Asemblea nacional. Aliás, conversamos co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños (BNG), que vén de anunciar a súa saída de Sogama. O rexedor rianxeiro sitúa de novo riba da mesa o debate arredor da xestión de residuos en Galiza. 

Entrevistamos a María Xosé Abuín face a folga na sanidade

En social entrevistamos a María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde. Ás portas dunha folga xeral na sanidade pública galega a sindicalista denuncia a imposición que o PP está a facer do seu modelo de sanidade na xestión clínica. Aliás, falamos do ensino de portugués na Galiza e de como sugar o potencial da nosa lingua. Unha aprendizaxe que se mantén grazas a iniciativas de ensino non regrado perante o desleixo institucional. 

Asemade, ollamos para o sector naval, castigado pola falta de solucións a unha crise que o atinxe, nomeadamente nos estaleiros públicos. A comarca de Ferrolterra saiu masivamente ás rúas nos últimos días para exixir compromisos reais dunha Xunta de Galiza que se mantén allea á quebra dun sector estratéxico para o país. 

Ollamos para o galego que gañou o Balón de Ouro

Nas páxinas de deportes lembramos a figua de Luís Suárez, o galego do barrio coruñés de Monte Alto que en 1960 se tornou no primeiro futbolista do Estado en gañar o balón de Ouro, un logro nunca conquistado despois por ningún outro xogador. 

Na sección de Cultura falamos do futuro do audiovisual e do "boom" que están a representar as webseries. Proxectos como Fame ou PIB analisamos este fenómeno dixital. Aliás conversamos con Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. Bragado pon o acento na redución do apoio institucional ao sector que coida "alarmante" nun país como o noso que xa edita menos libros na lingua propia que Euskadi en euskera. 

Tamén así viaxamos a O Castrove entre as comarcas do Salnés e a ría de Pontevedra e con Toc Toc de Pablo Díaz atravesamos un mundo de música e baile nun disco-libro que rima con pop, rock e folk, di o autor. 

Todo isto e moito máis no número 76 do semanario, xa á venda nos quiosques e librarías do país. Tamén, na nosa loxa.