A Executiva do BNG propón Ana Miranda e Xosé Manuel Carril como números 1 e 2 para as europeas

A Executiva do BNG propón Ana Miranda e Xosé Manuel Carril como números 1 e 2 para as europeas
Ana Miranda e Xosé Manuel Carril
Ana Miranda e Xosé Manuel Carril  SG

Ana Miranda e Xosé Manuel Carril encabezan a candidatura proposta pola Executiva do BNG para as eleccións europeas que terán lugar no próximo mes de maio. A proposta, que se debaterá nas asembleas comarcais, reflicte unha importante presenza de activistas sociais, representantes dos sectores produtivos e mocidade. 


A proposta aprobada pola Executiva do BNG, á que tivo acceso Sermos Galiza, repite cabeza de lista ás eleccións europeas. Ana Miranda, eurodeputada xa na lexislatura anterior, será o primeiro nome dunha lista que presentará de número dous ao concelleiro pola Coruña, profesor universitario e activista Xosé Manuel Carril. A candidatura será debatida nos próximos días nas asembleas comarcas que decorrerán de 28 de xaneiro a 6 de febreiro antes de ser aprobada polo Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, que terá lugar o sábado 8 de Febreiro. 

Con importante presenza de mocidade, activistas sociais, asociacións de preferentistas, emigrantes retornados  e xente da cultura, a Executiva do BNG inicia o proceso para a aprobación dunha lista composta por 54 persoas. Se a fronte nacionalista finalmente, como é probábel, concorrera ás eleccións en coligación con outras forzas políticas, o número de nomes veríase reducido. En todo caso, de se dar esa situación, as papeletas que se emitirán na Galiza contemplarían unicamente os nomes das persoas candidatas polo BNG, independentemente de que se presente en coligación con outras forzas.

O escritor Suso de Toro, de número 6 e a actriz Isabel Risco, de 7, son coñecidos nomes do mundo da cultura que fan parte tamén da candidatura do BNG.  

A seguir, a lista incorpora a Olalla Rodil, xornalista, da redacción de Sermos Galiza, a Xesús Domínguez, portavoz da Plataforma de Afectados polas preferentes en Compostela e a Alba Fidalgo, activista social na Plataforma de Cláusula Solo e Abusos Bancarios. O escritor Suso de Toro, de número 6 e a actriz Isabel Risco, de 7, son coñecidos nomes do mundo da cultura que forman parte tamén da candidatura do BNG. 

Activistas sociais e sindicais

Destaca na proposta da Executiva a forte presenza de representantes de movementos sociais como o portavoz de SOS-Sanidade Manuel Moreira, a activista feminista e ecoloxista Vitoria Louro, o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón,  representantes da Plataforma de [email protected] polas Preferentes do Baixo Miño, Mirian Rodríguez e Xulio Vicente, o portavoz da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, Xosé Lois Leirós, a activista dos dereitos dos animais na asociación Abeiro, Isabelle Kerdudo, da Plataforma contra a Incineración do Deza, Tamara García, de Adega, Manuel Soto, o independente da Unión Veciñal 26 de Abril, Lois Anxo Ferreiro ou sindicalistas da CIG como Xavier Aboi, Rosa Abuín, Xosé Ferreiro, Rafael Iglesias, Marta Dacosta ou Xulio Moskowitch ou a Fruga como Mar Vila.

Independentes e colectivos

Na candidatura aparece un nome, Lois Anxo Ferreiro Bestilleiro, da Unión Veciñal 26 de Abril, que é independente, isto é, non militante do BNG. Non se desbota que no proceso da tramitación desta proposta da Executiva -lembremos: primeiro vai ás asembleas comarcais, logo ao Consello Nacional- se podan incorporar outras candidatas ou candidatos en representación de colectivos ou organizacións que eventualmente dean o seu apoio a esta listaxe. 

Presenza simbólica de Vence

Por derradeiro, o portavoz nacional, Xavier Vence, pecha simbolicamente unha candidatura da que tamén fan parte a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ou os ex-deputados Alfredo Suárez Canal e Pilar García Negro.