LINGUA

O exército español prohibe o uso do galego na súa actuación nos lumes

O exército español prohibe o uso do galego na súa actuación nos lumes
Exército nos montes galegos
Exército nos montes galegos  

Segundo o convenio que asinou coa Xunta de Galiza pola súa presenza nos montes, polo que cobra máis dun millón de euros, coa Forzas Armadas “utilizarase sempre o castelán en todas as comunicacións verbais ou escritas”.


Durante dous meses de verán, o exército español destina patrullas para “colaborar” na extinción dos lumes forestais en Galiza. Malia tratarse dunha institución pública, as Forzas Armadas cobran tamén da Xunta de Galiza mais dun millón de euros, segundo a dificultade da tempada, pola súa presenza nos montes.

A actuación do exército está regulada por un convenio asinado entre o goberno galego e o Ministerio de Defenda no que, alén das condicións do servizo e a prestación económica, tamén se recolle un punto polo cal se prohibe expresamente o uso da lingua galega nas comunicacións de calquera tipo e por calquera parte durante o dispositivo. No texto publicado polo BOE pode lerse (en castelán no orixinal) que “de conformidade co estipulado na O.M. 35/1987 do 17 de xuño pola que se regula o uso de linguas oficiais das Comunidades Autónomas na Administración Militar, en todas as comunicacións oficiais, tanto verbais como escritas, que vaian dirixidas ás Forzas Armadas involucradas nesta colaboración e que teñan relación no servizo, utilizarase sempre o castelán”.

Tanto a práctica totalidade das persoas que traballan contra o lume como mesmo boa parte dos militares despregados son galegos. Así mesmo, na convenio noméase á “Junta de Galicia”.