Feijóo alude ao golpe fascista do 36 como "capricho da historia"


Feijóo alude ao golpe fascista do 36 como "capricho da historia"

“Os caprichos da historia quixeron que eses ideais [os de Castelao] non se cumprisen na desafortunada República que viviu, senón na Monarquía que chegaría despois da longa noite de pedra”. Feijóo equipara o golpe fascista do 36 como un “capricho da historia”. Fíxoo no discurso do acto de entrega das Medallas Castelao, unha delas, a Carmen Fraga, filla dun ministro de Franco.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, pronunciou o discurso máis político dos que ten defendido nos institucionais actos de entrega das medallas Castelao. Xusto no día en que se cumpren trinta anos da traída dos seus restos desde o cemiterio da Chacarita de Bos Aires ao Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, ao presidente da Xunta pareceulle un acto de “xustiza invisíbel” que o novo rei Felipe VI citase o seu nome no discurso de proclamación, como “homenaxe a unha España que se expresa tamén en lingua galega”. 

Nunha xornada na que se lembra a xornada de protesta diante de Bonaval na que centos de persoas se manifestaban por se desatender os desexos de Castelao e trasladar o seu corpo a unha Galiza que distaba moito de ser a que el anceiba para o seu regreso, o presidente da Xunta sinalou que “os caprichos da historia”, en clara referencia ao golpe militar,  “quixeron que eses ideais non se cumprisen na desafortunada República que viviu, senón na Monarquía que chegaría despois da longa noite de pedra”, en referencia ao 1984. 

“A superación dos traumas do pasado está unida ao  Rei que vén de abdicar”, defendeu Feijóo

A monarquía e a proclamación do novo rei ocuparon boa parte do discurso do presidente Núñez Feijóo e foi mesmo o comezo da súa intervención, no inicio dunha etapa que definiu como “colmada de esperanzas”, nos que, tal e como aconteceu co anterior rei, segundo defendeu, “Galicia ten a condición de protagonista”. 

“O establecemento do autogoberno, o incremento do benestar, o asentamento da nosa identidade e o florecemento da nosa cultura, prodúcense ao amparo desa Monarquía que cumpre a súa remuda” da mesma maneira, dixo, que a “superación dos traumas do pasado está unida ao Rei que vén de abdicar”, sinalou, nun discurso fondamente monárquico, na defensa dun sistema que nos permite “gobernarnos como queremos ser gobernados”. 

Defendeu tamén a participación galega nunha “España unida pero non uniforme”, tomando a expresión de Felipe VI e as varias maneiras de ser español, “unha delas é ser galego”. 

Feijóo escolleu o “Castelao humanista”, por riba da súa condición política, o persoeiro que, "sen descualificacións" e “amabelmente” quería ·incorporar os galegos a un galeguismo aberto e facer da autonomía unha casa de todos·. Non fixo, sen embargo, alusión algunha a que nesta mesma xornada se cumpría o 78 aniversario do pleviscito do Estatuto de 1936. 

O discurso de Feijóo producíase no acto de entregas das medallas Castelao que nesta edición recoñeceron, entre outros, á eurodeputada do PP e filla de Manuel Fraga, Carmen Fraga Estévez, de quen destacou, a súa “defensa dos intereses dos pescadores e dos agricultores galegos.” 



x