Feijóo evita criticar a De Sousa, a quen xa lle procura un relevo no CGAC

Feijóo evita criticar a De Sousa, a quen xa lle procura un relevo no CGAC
Núñez Feijóo e Fernández de Sousa
Núñez Feijóo e Fernández de Sousa  SG

Feijóo desaproveitou unha nova oportunidade de criticar en público a Fernández de Sousa, o empresario que levou a Pescanova á suspensión de pagamentos e que acaba de ser afastado da dirección da compañía polo xuíz. O presidente da Xunta anunciou que o goberno galego procura un relevo para de Sousa ao fronte do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea.


O presidente da Xunta de Galiza mantén a súa estratexia de non criticar ao presidente de Pescanova, afastado agora do seu cargo polo mesmo xulgado que decretou o concurso de acreedores da compañía. É moi estraño que se afaste a un empresario do seu cargo nun proceso de suspensión de pagamentos cando, como o é o caso, este se produce por iniciativa da propia empresa. O xuíz toma esta decisión ante o "evidente risco" que podería decorrer para a compañía a continuidade de De Sousa ao fronte da presidencia.

En comparecencia de imprensa após o Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou "descoñecer" a decisión do xuíz de apartar a Fernández de Sousa da dirección da entidade. A información, que lle foi comunicada polos propios medios de comunicación, sitúa o empresario no punto de mira da xustiza por posíbeis irregularidades na xestión de Pescanova --como se veñen coñecendo nos últimos días. Aliás, pon a empresa en concurso de acredores e cun futuro incerto habida conta da monstrosa débeda contraída (3.100 millóns de euros).

Neste senso, o líder do executivo galego declinou facer ningunha valoración da grave situación que atravesa Pescanova e evitou tamén avaliar a xestiºon de Fernández de Sousa. Limitouse a asegurar que á Xunta de Galiza só lle preocupa "o mantemento dos postos de traballo e a viabilidade da empresa".

Inquirido por Sermos Galiza en relación á renuncia de Fernández de Sousa ao seu cargo como presidente do padroado do Centro de Arte Contemporáneo de Galiza (CGAC) -noticia que este meio deu en exclusiva a pasada sexta feira-, Nuñéz Feijóo asegurou que, de acordo coa información que lle proporcionou "o conselleiro de Cultura", o abandono do presidente de Pescanova non tería nada a ver "en ningún caso" cos problemas na xestión de Pescanova.