Feijóo fala de “intereses económicos” de empresas en desacreditar a alta velocidade española


Feijóo fala de “intereses económicos” de empresas en desacreditar a alta velocidade española

O presidente da Xunta afirma que o Estado español en materia de seguridade ferroviaria “é dos mellores do mundo” aínda que a algúns países, engade, “non lles interese este feito”. Adif-Renfe están a puxar nestes días por un tramo da alta velocidade brasileira, unha licitación de 13.500 millóns de euros.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, considera que existen “algúns intereses económicos por parte de determinadas empresas ou de subministradores de alta velocidade” en relación ao sinistro de tren de Angrois. O mandatario galego afirmou este sábado que o Estado español “en alta velocidade e en seguridade de alta velocidade é dos mellores países do mundo, aínda que a algúns países este feito pode non interesarlles”. Feijóo incidiu en que "as présas son contrarias a unha investigación".

Adif e Renfe están actualmente a puxar pola licitación da alta velocidade brasileira de Río de Janeiro a Sao Paulo, o que suporía 13.500 millóns de euros. Esa cifra equivale á cuarta parte do PIB de Galiza.

Feijóo afirma que na Galiza non hai AVE

Para o presidente da Xunta, se ben hai liñas de alta velocidade en Galiza, non se pode falar de alta velocidade en toda a súa amplitude até que estea totalmente completada a conexión con Madrid.

Iso si, Núñez Feijóo defendeu a seguridade ferroviaria existente no Estado español, se ben sinalou que se como resultado da investigación se demostra que é mester facer cambios, faranse.

E apuntou a que as decisións nestes temas son decisións técnicas, “non políticas”, o que choca coas insinuacións guindadas desde ADIF, que apuntaban a que ese tramo non tiña ERSMF por decisións políticas

Pola súa banda, a ministra de Fomento avogou por manter a prudencia e a cautela en relación coa responsabilidade do maquinista. Lembrou que a caixa negra do tren está aínda baixo custodia policial; e pediu paciencia á espera de que finalicen as investigacións en curso: a xudicial e a de Fomento.

A preguntas sobre os sistemas de seguridade ferroviarios, Ana Pastor limitouse a afirmar que “cumpren coa normativa europea”.