Feijóo sería o máximo responsábel da ilegal destrución de contratos con Dorado segundo a CIG

Feijóo sería o máximo responsábel da ilegal destrución de contratos con Dorado segundo a CIG
Foto El País
Foto El País  

Se os contratos coas empresas de Dorado anteriores a 2003 foran destruídos como afirmou o presidente da Xunta no Parlamento, estaríase a cometer unha ilegalidade segundo defende a CIG-Administración, da que sería responsábel o propio Feijóo, daquela secretario xeral na Consellaría de Sanidade. 


O presidente Alberto Núñez Feijóo pechou a demanda da oposición dos contratos da Xunta coas empresas de Marcial Dorado afirmando que os contratos anteriores a 2003 non existen xa que foran destruídos ao contemplar a lei a obrigatoriedade só de arquivar documentos durante dez anos. A CIG-Administración afirma que Feijóo “ou ben minte ou ben é enganado” xa que, segundo destacan, a lei recolle que “baixo ningún concepto se poderán derruír os documentos mentres subsista o seu valor probatorio de dereitos e obrigas das persoas e dos entes públicos”.  

En todo caso, a CIG lembra que o responsábel máximo da custodia deses documentos e da súa conservación é o secretario xeral da Consellaría, que, no tempo ao que se refiren os contratos, era o propio Feijóo, que ocupaba o cargo no departamento de Sanidade da Xunta. “Eses documentos teñen que aparecer a menos que el non fixera ben o seu traballo naquel momento” sinalan.

No funcionamento da administración, como lembra a CIG, os expedientes de contratacións “están valorados nos arquivos galegos como de conservación permanente, polo tanto nunca deberán ser destruídos e pasarán a formar parte dos depósitos documentais dos arquivos propios da Comunidade”. Na fase administrativa, a Xunta conta cun arquivo no polígono industrial de Tambre en Compostela, a na histórica pasarían ao Arquivo de Galiza, na Cidade da Cultura. 

“En caso de que se acordase a eliminación de series de documentación xestada pola Administración Autonómica, estas deberían ser avaliadas, identificadas e valoradas por unha Comisión de Avaliación” explica a CIG, comisión que aínda non existe nin deu o visto bo á eliminación dos contratos aos que o presidente fai referencia.