Francesco Tonucci:“Pontevedra é un exemplo de cidade para a infancia"

Francesco Tonucci:“Pontevedra é un exemplo de cidade para a infancia"
Tonucci
Tonucci  

O pedagogo italiano Francesco Tonucci, “ideólogo” de proxectos de cidades deseñadas contando coa infancia, estivo en Pontevedra para participar nas xornadas “Infancia e Cidade” e recoñeceu a transformación desenvolvida polos gobernos de Fernández Lores como un “referente” para a súa proposta de modelo urbano


“Pontevedra é unha das cidades que máis cito nos últimos tempos, aquí se realiza o que eu propoño nas miñas intervencións”, sinalou Francesco Tonucci na cidade do Lérez na que, ao seu ver, se está a desenvolver unha continuada transformación que conta coa infancia como protagonista. 

A súa proposta contempla dous eixos fundamentais, que as crianzas participen do goberno da cidade e que recuperen a súa autonomía nas rúas e espazos públicos. “A estratexia é comezando co camiño escolar porque se repite cada día. A proposta é vixiar, pedindo aos comercios que se ofrezan como puntos de garantía, co que tamén se crea unha comunidade de apoio, solidaria”, explicou o pedagogo, arredor dun programa que funciona xa desde hai tres cursos na cidade. 

“As rúas sen crianzas son perigosas”

As modificacións urbanísticas producidas en Pontevedra fan que a xente, ao seu ver, “camiñe máis tranquila e os nenos podan andar sen perigo”. Indicou como elementos a falta de obstáculos para os peóns, a limitación a 30 no centro ou o establecemento do programa “Camiños Escolares”, segundo el, un paso fundamental para que as crianzas volvan tomar as rúas. “Se os nenos se moven sós iso obríganos a nós, os adultos, a facernos cargo. Un neno de seis ou oito anos que anda só é de todos e iso produce unha actitude solidaria na veciñanza”, explicou a respecto dun novo cambio no modelo de cidade. “Contribúe tamén para unha maior seguridade: o delincuente para actuar precisa descoido. Onde hai coidado non actúa. A rúa é perigosa cando non hai crianzas”, defendeu ao tempo que explicou o modelo aplicado á cidade de Bos Aires a través dos seus barios onde se comprobou que a aplicación dun programa de autonomía da infancia levou a un descenso do 50% dos delitos.

"Os pais teñen medo e as criazan fican na casa pechados, cunha pantalla"

“O feito de que os nenos non poidan saír de casa para vivir, para descubrir ou atoparse cos amigos; os riscos e os medos están a producir efectos que se manifestan non só na infancia, senón tamén na adolescencia. O que máis problemas crea para os nenos é o medo. Os país teñen medo e quedan pechados nas casas, cunha pantalla e non con actividades que responderían aos seus desexos”, dixo Tonucci sobre unhas cidades que apartan as crianzas das rúas, na antítese do modelo que el defende e que atopa en Pontevedra. 

O pedagogo italiano destacou a necesidade de “dar a volta” ás preocupacións dos gobernos locais, interesados en primeiro lugar nos “problemas de tráfico”. Ao seu ver, como acontece en Pontevedra,  as preocupacións teñen que ser, en primeiro lugar os peóns, logo as bicicletas, logo os transportes públicos e finalmente os automóbiles. Neste sentido, loou que os peóns podan atravesar a cidade de Pontevedra sen cambios de niveis, nunha cidade adaptada para as cadeiras de rodas.