Galiza móllase este 1M contra as políticas "antisociais" do PP

Galiza móllase este 1M contra as políticas "antisociais" do PP
Manifestación en Vigo (Foto: CIG)
Manifestación en Vigo (Foto: CIG)  

A manifestación da CIG mobilizou en Vigo até 10.000 persoas, segundo cifras da organización sindical. A choiva non evitou unha resposta masiva nas cidades e nas vilas do país. [Vídeo no interior]



Un Primeiro de Maio multitudinario en toda Galiza. Miles de galegos e galegas mobilizáronse nas principais cidades e vilas perante “o profundo empobrecemento” provocado polas “políticas antisociais” do PP. A choiva coa que se ergueu boa parte do país non evitou unha resposta masiva nas rúas durante o Día Internacional da Clase Traballadora.

A manifestación central foi unha vez máis en Vigo, onde até 10.000 persoas se sumaron á protesta, segundo cifras da organización sindical. “Esta situación non é casual, vén para quedarse. Este é o resultado das políticas económicas do PP, que só conseguiron destruír postos de traballo e precarizar o mercado laboral”, sinalou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, minutos antes do comezo.

Ao berro de “Queremos traballar, e non emigrar” ou “A crise social, que a pague o capital” marcharon durante os dous quilómetros do percorrido. Da mobilización participaron algúns dos colectivos en conflito na actualidade. Como o persoal das subcontratas de Telefónica, en folga indefinida; o corpo de bombeiros da Galiza, contra a privatización do sector; un nutrido grupo de emigrantes retornadas, polo espolio das súas pensións; ou a Plataforma Anti Desafiuzamentos. 

Gritos que soaron a mañá deste 1 de maio en todo o país. Miles saíron tamén na Coruña, Compostela, Ribeira, Ferrol, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía ou A Estrada, convocadas pola CIG, CC.OO, UGT ou a CUT.

Unha maioría sumida na pobreza

Para evidenciar a crítica situación de empobrecemento, incluso entre as persoas que teñen emprego, o secretario xeral da CIG recordou que “o único sector de asalariados e asalariadas que medra é aquel que cobra a metade do salario mínimo interprofesional”. Case 200.000 persoas, con soldos de 150 euros, que a confederación sindical suma ás 275.000 desempregadas no país. Cifras que revelan, segundo a central sindical, que hai case medio millón de galegas e galegos en paro. 

“Este é o tipo de emprego, precario e de baixa calidade, que se está a crear. A cousa vai ben para aqueles que sempre lles foi ben. Para os dirixentes do PP, os seus amigos, para os corruptos, especuladores e defraudadoras. Para as grandes fortunas, que seguen aumentando a súa riqueza, fronte a unha maioría sumida na pobreza”, apuntou Seixo, respecto dos anuncios de recuperación económica dos gobernos centrais e autonómico. 

“Un deserto industrial”

"Os nosos principais sectores produtivos continúan un devalar que vai camiño de converternos nun deserto industrial", asegurou Alberto Gonçalves.

“Empéñanse en convencernos de que o branco é negro, manipulando, terxiversando e torcendo a realidade. Mentres, os nosos principais sectores produtivos continúan un devalar que vai camiño de converternos nun deserto industrial. A construción naval, a automoción, a pesca ou a construción, actividades fundamentais para a economía e o emprego na nosa comarca e no país, vanse esfarelando lenta e agonicamente”, manifestou pola súa banda o secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberto Gonçalves, durante o discurso final.

O acto en Vigo rematou na Porta do Sol ao son da Internacional e do himno galego. E cunha mensaxe de esperanza. “Reverter a situación laboral e social que padece o noso país é posíbel. Pero esixe unha mudanza radical nas políticas do PP. Esta mudanza vaise dar, queiran ou non, porque imos esixir, imos denunciar, imos reivindicar e imos entregar as nosas forzas e o noso alento ata conquistar o noso futuro”, sentenciou Gonçalves.