GpS convoca un plenario aberto o 14 de decembro en Compostela

GpS convoca un plenario aberto o 14 de decembro en Compostela
GpS_galiza pola soberanía
GpS_galiza pola soberanía  

GpS debaterá sobre o seu futuro nun Plenario Nacional aberto que terá lugar o vindeiro sábado, 14 de decembro, en Compostela. A convocatoria abrirá a un encontro participativo o debate sobre o relatorio que a Coordenadora Nacional levará á Asemblea. 


Será o terceiro Plenario que a iniciativa social Galiza pola Soberanía promova desde a súa creación e, desta volta, a Coordenadora Nacional quere que o encontro se abra a todas as persoas que apoian a iniciativa social. O III Plenario Nacional terá lugar o vindeiro sábado día 14 de decembro ás 10:00 horas en Compostela, e na orde do día figura o debate sobre diversos asuntos que definirán os próximos pasos da iniciativa como o relatorio da Coordenadora Nacional sobre os traballos desenvolvidos ou as perspectivas de futuro que se abren á plataforma. 

Un debate aberto

A Coordenadora Nacional promove un debate aberto e convida á participación co fin de “coñecer o maior número de puntos de vista” das case 1.000 persoas que apoian neste momento Galiza pola Soberanía. Por motivos de organización, solicitan a confirmación da asistencia antes das 12:00 horas da cuarta feira día 11 de decembro, nun correo enviado a [email protected] indicando o número de persoas que desexen asistir. 

O plenario desenvolverase unha semana despois de GpS ter promovido as “ruadas” en diversas cidades e vilas galegas para reclamar soberanía e República de Galiza no día 6 de decembro, data na que oficialmente se conmemora a Constitución española. 

GpS continúa a súa recollida de sinaturas de apoio ao seu manifesto no que fan un chamamento para construír a “consecución dun Estado Galego, antipatriarcal, social, laico e radicalmente democrático con base nunha república para construírmos, de maneira pacífica e solidaria, unha sociedade xusta, libre e verdadeiramente igualitaria”. Para apoiar o manifesto pódese asinar na súa páxina web.