GpS fixou as súas liñas de actuación para o futuro, no III Plenario nacional

GpS fixou as súas liñas de actuación para o futuro, no III Plenario nacional
Imaxe: Xosé Collazo
Imaxe: Xosé Collazo  

A asemblea de Galiza pola Soberanía, na que participaron máis de 150 persoas, fixo balanzo do traballo realizado nos cinco primeiros meses de vida desta iniciativa social e marcou as liñas de actuación para os vindeiros meses. Esta terza feira, a comarca de Vigo organiza unha charla-coloquio co profesor e ensaísta Henrique del Bosque baixo o lema Soberanía, unha reivindicación lexítima.


Após a súa presentación pública o pasado mes de setembro e do desenvolvemento de accións reivindicativas en datas chave para o nacionalismo como o 95 aniversario da Asemblea Nazonalista de Lugo, a iniciativa Galiza pola Soberanía (GpS) desenvolveu este sábado (14 de decembro) o seu III Plenario Nacional. 

Máis concorrido que en anteriores convocatorias, máis de 150 persoas tomaron a palabra na asemblea decorrida na Nave de Vidán para avaliar o traballo desenvolvido até o momento e deseñar as liñas de actuación que marcarán os vindeiros meses da GpS. 

Neste senso, @s asistentes afirmáronse na necesidade de continuar avanzando no proceso de socialización da plataforma e na importancia de continuar explorando distintos métodos de acción plurais para a divulgación da loita común que constitúe o cerne desta iniciativa suprapartidaria: a constitución dun Estado galego. 

Após estes meses de traballo en que a GpS recolleu até un milleiro de adhesións individuais ao manifesto pendurado na súa páxina web, para @s integrantes da iniciativa aínda fica moito traballo para procurar unha maior conciencia nacional no país que pule pola creación da República de Galiza, esa que reivindicaron o pasado 6 de decembro con diversas ruadas decorridas nas comarcas do país. 

Soberanía, unha reivindicación lexítima 
Continuando co traballo impulsado desde as distintas asembleas locais e comarcais que tecen a rede de GpS por todo o país, Vigo acolle esta terza feira (17 de decembro) unha charla-coloquio arredor da soberanía nacional dos pobos baixo o lema, Soberanía, unha reivindicación lexítima. O acto terá como protagonista ao profesor e ensaísta Henrique del Bosque e terá lugar na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) ás 19.15h.