Imputados 5 directivos de Adif como "potencias responsábeis" dun "delito imprudente" no sinistro do Alvia


Imputados 5 directivos de Adif como "potencias responsábeis" dun "delito imprudente" no sinistro do Alvia

O xulgado nº3 de Compostela chama a declarar, en calidade de imputados, a cinco responsábeis de Adif encargados da seguridade ferroviaria no tramo Ourense-Compostela. Aláez considera que a entidade "omitiu os sistemas de seguridade" que poderían ter evitado a traxedia

O xuíz instrutor atribúelles a "potencial responsabilidade" dun "delito imprudente" no accidente ferroviario transcorrido o pasado 24 de xullo na curva da Grandeira onde finaron 79 persoas e un cento delas resultaron feridas.

Aliás, a xustiza pide a Adif as identidades de todos os presidentes e vogais desde a data de entrada en servizo da liña ferroviaria Ourense-Compostela até o 24 de xullo de 2013.

Un delito imprudente por non prever os riscos do tramo

Segundo o auto feito público esta terza feira e ao que tivo acceso Sermos Galiza o xuíz Aláez chama a declarar "aos  directivos e técnicos  delegados de Adif que asumen o control efectivo dos riscos na circulación ferroviaria" aos que considera "potenciais autores" dun "delito imprudente de resultados mortais e lesivos". 

Neste senso chama a declarar como imputados a Manuel B. G., director de Seguridade na Circulación; Fernando R.S., xerente da Área de Seguridade; José Antonio G. D., xefe de Inspección da Xerencia da Área de Seguridade; Carlos A. G e Roberto S.A como inspectores da devandita xefatura. 

Segundo o auto "os citados presumibelmente non cumpriron" coas súas obrigas posto que "coñecendo as características da vía" á altura da curva da Grandeira "e o risco que creaba para a circulación dos trens, non arbitraron medidas perante unha posíbel desatención do condutor", asegura o xuíz. Neste senso, Aláez entende que face a perigosidade do traxecto "non podía pasarlles desapercibido o perigo da desatención" que podía provocar un descarrilamento.

Responsabilidade de Adif pola falta do sistema de seguridade ERTMS
O xuíz instrutor do caso salienta que embora o tren Alvia 150 fose equipado cos sistemas de seguridade ASFA e ERTMS só operaba co primeiro deles "a petición de RENFE" debido á "aparición de fallos no sistema de transmisión", unha decisión que se fai extensíbel a todos os comboios da serie 730. 

Neste senso, Aláez subliña que o sistema de seguridade ASFA non frea automaticamente o tren se este sobrepasa os límites de velocidade exixidos --como si acontece co dispositivo europeo. Así, Aláez considera sorprendente que malia Adif recoñecer que un "erro humano" pode devir nun accidente "omitiu calquera tipo de resposta do sistema" ao deixar "exclusivamente en mans do maquinista a redución da velocidade de 200 km/h a 80 km/h". 

Así pois, considera que "o delito imprudente" cometido no sinistro do Alvia foi "permitir a circulación de trens por un tramo daliña carente das medidas de seguridade suficientes" para garantir a vida e integridade física [email protected] utentes. Delito que Aláez atribúe á "omisión do estabelecemento dun procedemento de seguridade que evitase o descarrilamento", isto é o ERMTS.

Imputacións aos responsábeis do tramo desde 2011
Para o xuíz instrutor do caso a responsabilidade por omisión dos sistemas de seguridade non é atribuíbel unicamente aos imputados chamados a declarar senón "a todos aqueles que coñecendo ou debendo coñecer o risco para a vida e a integridade dos utentes da lia" e "podendo remedialo" --aclara o auto-- "non adoptaron as medidas para evitalo". Así, exixe a Adif a identidade de todas as persoas que asumiron a presidencia do Consello de Administración de Adif así  como @s vogais do mesmo, desde abril de 2011, data en que se puxo en servizo o tramo Ourense-Compostela.

Segundo Aláez, "as mortes e lesións" derivadas do descarrilamento do Alvia "son imputábeis obxectivamente a todos" quer delegados quer delegantes "que tiveron dominio real sobre a fonte de perigo" e de aí que "todos deban ser considerados potenciais autores" do delito imprudente. Así, as imputacións extenderanse aos responsábeis de Adif desde a entrada en servizo da vía (abril de 2011)até o sinistro do pasado mes de xullo.