Sermos Galiza publica un adianto dun dos capítulo do libro "Como salir de esta"

Sermos Galiza publica un adianto dun dos capítulo do libro "Como salir de esta"
José Luis Gómez
José Luis Gómez  
Aposta por un grande pacto económico, social e político para saír da crise. O xornalista José Luis Gómez presenta estes días o libro Como salir de esta (Actualia Editorial) no que fai unha clara defensa da economía produtiva fronte á política de recortes que apela á austeridade. Sermos Galiza publica un adianto dun dos capítulos do seu novo libro.

-Publica Como salir de esta, hai algunha receita?

A saída é complexa e esixe tempo e moitas medidas A risco de simplificar diría que se fai cada vez máis imprescindíbel que haxa un pacto político, social e económico ao estilo dos Pactos da Moncloa de maneira que os custes da crise se repartan de maneira equitativa e non tan inxusta. En paralelo, faise tamén imprescindíbel que haxa o que os economistas chaman medidas de acompañamento, algún tipo de incentivo que axude a propiciar a saída mediante o desenvolvemento da economía produtiva. Só se pode saír producindo máis e mellor. Con recortes non é posíbel saír da crise.

-Defende entón unha economía produtiva e o que define como un cambio de modelo económico.

Isto é así pola práctica desaparición do sector da construción, en especial do mundo inmobiliario, que é un sector locomotor da economía. Cómpre recuperar ese baleiro económico e a grande perda de postos de traballo. Estamos nun bon momento para aproveitar a posta en marcha das bases dunha economía produtiva menos especulativa e por iso é moi importante que se constrúan consensos amplos máis alá do mundo da política, no que tamén estean as forzas sindicais e empresariais.

-O discurso entón que apela á austeridade, a conter gasto, e defende unha política de recortes non é o acaído?

Faise corresponsábel a quen menos tivo que ver coa crise. Na miña opinión, e na de moitos expertos, é unha crueldade extrema explicar a crise dicindo que vivimos por riba das posibilidades porque millóns de persoas poden dicir que as causas da crise non van con elas. Si van cos mercados financieiros globalizados, si van cos abandeirados de políticas neoliberais, si van con grandes empresas construtoras, si van cos gobernos e institucións que non cumpriron co papel de control financieiro... pero non cos asalariados e o resto da poboación. Están pagando cando non tiveron a ver. Os seus salarios abarátanse ao tempo que se lles suben os impostos. Non se poden xerar máis inxustizas.

-As propostas de orzamentos para o 2013 véñense de presentar no Parlamento Galego e nas Cortes Xerais. A política do PP non parece camiñar por esa vía xa que afonda nos recortes sen unha política impositiva que faga pagar máis a quen máis ten.

Así é. España, e fago esta referencia porque moitas competencias dependen do centro, ten que facer unha reforma fiscal. As rendas de capital teñen un tratamento mellor que as rendas de traballo e isto é urxente corrixilo. Estanse aplicando medidas impostas polo FMI e a UE polo camiño máis rápido. É máis fácil rebaixar o soldo aos funcionarios que buscar medidas alternativas. As adminisracións públicas están recortando moito para cumplir os obxectios de déficit. Só se pode ser máis flexibel se os prazos se amplían e, ao mesmo tempo, faise cada vez máis imprescindíbel que España, en termos de prima de risco, deixe de pagar aquela parte da prima que non corresponde a súa situación senón que tamén leva consigo unha penalización por estar no euro. Se fose posíbel abaratar o financiamento estariamos liberando miles de millóns de euros tanto para o Estado como para as empresas. O replantexamento que hai que facer é integral e medidas deste tipo esixe o compromiso de todos.

-Maiores cotas de autogoberno contribuirían de forma decisiva para saír da crise?

Temos unha clara constatación de que ter moito autogoberno é bon. Pola vía do exemplo falaría de Euskadi, que ten máis autogoberno que Galiza; entre outras cousas, pode facer a recadación no seu territorio. Os seus datos macroeconómicos e sociais están perfectamente aliñeados con calquera país europeo avanzado, con menos paro, máis e mellor economía produtiva, maior nivel de ensino... Isto é froito do autogoberno.

-Pode estar a comezar unha nova ola de emigración galega como as que tronzaron a nosa historia?

Son momentos e dimensións distintas. Agora estase a mandar á emigración o talento que formamos aquí. Estamos expulsando da nosa economía xente moi formada que aquí non atopan traballo. Podemos falar dunha xeración perdida. Levamos cinco anos de crise e lamentabalmente quedan cando menos, outros cinco. As persoas con 25 anos non teñen oportunidades e isto é realmente tráxico, en termos non só económicos senón sociais.

-Desaparición de cabeceiras, Eres nos medios e unha situación laboral case traxica, sen futuro e cun empioramento continuado das condicións laborais. Hai algunha saída para a crise da comunicación?

No sector da comunicación e do xornalismo estanse a solapar distintas crises. Sofre a xeral mais, na prensa escrita en especial, coincídelle que o desenvolvemento de Internet fai que se produza unha caída das vendas en quiosque que se suma a unha caída importante da publicidade. Coa diminución destes dous factores claves, quedan sen ingresos para atender as súas estructuras, co cal ou ben caen nas mans das administracións que as amamantan cambiando a súa liña editorial ou teñen que facer axustes importantes. O que é menos explicabel é que as veces as empresas que reciben cartos públicos tamén fan axustes. Nesta materia hai moi pouca transparencia. Non se coñecen os millóns de euros dos cartos púbicos que se destinan aos medios de comunicación. 

-Vostede bota a andar nestes días unha nova proposta na rede, Mundiario. 

No ámbito da comunicaicón fun pioneiro en Internet na Galiza como emprendedor no ano 99 e foime ben con xornal.com. Agora estou tentando lanzar un novo proxecto pola vía da experimentación. O contexto é adverso mais eu tamén creo que son tempos de oportunidades. Mundiario está nacendo, levamos uns días na rede e sería precipitado facer unha valoración, pero ten un deseño estratéxico con percorrido e que comprende non só pensar no mercado de Galiza, senón que imos tentar que chegue máis alá.