115.000 sinaturas esixen no Congreso a creación dunha comisión de investigación sobre o Alvia

115.000 sinaturas esixen no Congreso a creación dunha comisión de investigación sobre o Alvia
Concentración en Madrid
Concentración en Madrid  

115.000 sinaturas recollidas pola Plataforma Vítimas Alvia 04155 reclaman no Congreso dos Deputados a creación dunha comisión de investigación para o accidente de tren acontecido o 24 de xullo de 2013. A asociación convocou, coincidindo co acto de entrega das sinaturas e co inicio do debate de política xeral, unha concentración ás 11.00 horas en Madrid, diante das Cortes para facer pública a reclamación da creación dunha comisión de investigación parlamentaria que aclare as responsabilidades políticas do accidente, fóra do xuízo. As sinaturas foron recollidas a través dunha plataforma na rede. 

Para a Plataforma Vítimas Alvia 04155, aínda non se esclareceron as causas dun accidente que causou 81 vítimas mortais mais ningunha dimisión ou cese de responsábeis políticos nin das empresas públicas Adif e Renfe nin do Ministerio de Fomento, segundo destacan nunha nota de prensa na que tamén lamentan que esas persoas que ocupaban cargos nos organismos implicados foran premiadas “con mellores postos”. Na concentración podíanse ver pancartas con fotografías dalgúns responsábeis políticos como José Blanco, Ana Pastor ou Núñez Feijóo.