Máis de trinta colectivos e unha manifestación apoian os catro independentistas que irán a xuízo os días 24 e 25

Máis de trinta colectivos e unha manifestación apoian os catro independentistas que irán a xuízo os días 24 e 25
Manifestación en Compostela (Imaxe Nós-UP)
Manifestación en Compostela (Imaxe Nós-UP)  

Centos de persoas manifestáronse en Compostela en solidariedade cos presos e a presa independentistas que van ser xulgadas en Madrid o 24 e 25 deste mes baixo a acusación de pertenza a Resistencia Galega.


Unha manifestación mostrou o apoio a Maria Osório, Antom Santos, Eduardo Vigo e Roberto Rodrigues, independentistas que van ser xulgados os próximos días 24 e 25 na Audiencia Nacional de Madrid e que se enfrontan a unha petición de 64 anos de prisión. Responderán aos cargos de pertenza á organización terrorista, tenza de explosivos e falsificación de documentos.

Máis de trinta organizacións sociais e política asinaron tamén un manifesto solidario que se pode apoiar tamén na rede como unha mostra máis de apoio aos catro independentistas. Partidos políticos, colectivos sociais e sindicais apoian o manifesto no que se denuncia a “excepcionalidade xurídica a que estám submetidos os cidadáns galegos Eduardo Vigo, Roberto Rodrigues e Antom Santos presos sem se celebrar o seu juízo desde há ano e meio e dispersados a centos de quilómetros dos seu slugares de residência”. Mostran da mesma maneira a solidariedade coas familias por estaren a sofrer os efectos da dispersión. 

Manifestan tamén a preocupación polo “impulso político” que adiviñan no xuízo desenvolvido por unha Audiencia Nacional que, ao seu ver “responde a directrizes políticas e carece das mínimas garantías jurídicas exigíveis, como já denunciárom organizaçons de direitos humanos e instáncias internacionais”. Sería, ao seu ver, “unha estratagema do Estado para abrir as portas á criminalizaçom do soberanismo, facilitando detençons, ilegalizaçons e o agravamento do já de por si agudo déficit democrático que suportamos”. 

“Organización Terrorista”

As organizacións asinantes do manifesto sinalan como unha grande preocupación a posibilidade de que a Audiencia Nacional ditamine “a existéncia dumha “organizaçom terrorista” na Galiza da que supostamente fariam parte os processados e a processada Maria Ossório”. Consideran que se trataría dunha “estratagema do Estado para abrir as portas à criminalizaçom do soberanismo, facilitando detençons, ilegalizaçons e o agravamento do já de por si agudo déficit democrático que suportamos”. Asinan o manifesto trinta colectivos e entidades, entre ellas Agir, Causa Galiza, Ceivar, Frente Popular Galega, Federación Rural Galega, Galiza Nova, GalizaLivre, Isca!, Liga Estudantil Galega, Mulheres Nacionalistas Galegas, Movemento pola Base, Nós-Unidade Popular, Rede Feminista Galega ou Siareiras Galegas.