Mar Barcón sae en defensa da xestión de Francisco Vázquez no caso Someso


Mar Barcón sae en defensa da xestión de Francisco Vázquez no caso Someso
A portavoz do grupo municipal do PSOE, Mar Barcón, enfatizou hoxe que o Tribunal de Contas xa arquivou o expediente de Someso en 2010.

En conferencia de imprensa, Mar Barcón bateu hoxe contra o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, por levar outra volta o caso Someso ao Tribunal de Contas.

En realidade, Negreira faino despois de que o fixese o BNG, e após o Tribunal de Contas estimar que hai materia no asunto ao admitir a trámite o escrito formulado pola formación nacionalista.

Barcón afirmou que o Tribunal de Contas xa arquivou o expediente de Someso en 2010. "Sempre se actuou dentro da máis estrita legalidade", alegou, nun claro aval á xestión do ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez. O que non di Barcón é que o TC reabre agora o caso ao dar luz verde ao escrito do BNG.

O BNG tomou a iniciativa e deu traslado ao Tribunal de Contas do informe elaborado por dúas funcionarias municipais en relación ao caso Someso. Nese informe estabelecíase con clareza que o ex alcalde Francisco Vázquez supervisara persoalmente unha operación urbanística que se ten traducido en perdas para o patrimonio municipal de arredor de 40 millóns de euros. Unha pelotada que tivo entre os seus maiores beneficiarios ao chefe da patronal coruñesa, Antonio Fontenla.

Barcón argumentou tamén que a pasada semana a Fiscalía arquivara o caso ao non achar materia delictuosa. En realidade, a fiscalía declarouse incompetente perante a vaguidade dun informe municipal que non asinalaba ningunha responsabilidade. O Tribunal de Contas, en troca, si atopou substancia para actuar.