Mar de Lumes revólvese contra o ataque sionista a Siria

Mar de Lumes revólvese contra o ataque sionista a Siria
Tres sabas simbolizaron as vítimas das intervencións en Iraq, Afganistán e Libia
Tres sabas simbolizaron as vítimas das intervencións en Iraq, Afganistán e Libia  

Nunha concentración realizada na praza compostelá das Praterías, o Comité Galego de Solidariedade Internacionalista chamou a colocar  Galiza no mapa da loita global contra as agresións imperialistas


A emblemática praza das Praterías de Santiago de Compostela acolleu esta mañá unha concentración convocada polo recén inaugurado Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes. O obxectivo: condenar os ataques do Estado de Israel que o pasado 5 de maio sacudiron Damasco, a capital de Siria, causando a morte de ducias de persoas.

Nun manifesto colectivo, o voceiro da organización solidaria, Óscar Valadares, asegurou que esta ofensiva pon ao descuberto “a entrada de Israel no conflito”, constituíndo un “novo crime sionista na rexión”. Para render homenaxe ás vítimas que o imperialismo deixou en Oriente Medio, os manifestantes deitaron no chan tres bonecos tapados con sabas brancas e con cadanseu letreiro: Iraque, Afganistán e Libia, os países que, xunto coa Palestina, sofreron a extensión dun conflito que progresivamente asolagou toda a zona.

O manifesto lembra que este contexto convulso non pode explicarse unicamente por “cuestións internas” por ser, afirma, “unha agresión instigada, fomentada e apoiada loxisticamente dende o exterior”. Mar de Lumes denuncia a axuda encuberta que a Israel ofrecen os Estados Unidos, algúns países da Unión Europea como Franza e Reino Unido, e mailos seus aliados na zona. Aliás,  chamou a atención sobre o silencio dos grandes medios de comunicación occidentais perante unhas agresións imperialistas que visan, afirmou,  “facer fluír o petróleo” dende Oriente. 

Após lectura do manifesto, @s alí [email protected] proferiron berros de apoio a Siria, cos que clamaron que “o imperialismo é o terrorismo”. Pola súa banda, o voceiro  Óscar Valadares, manifestou en declaracións a Sermos Galiza que o obxectivo de Mar de Lumes é “situar Galiza no mapa de solidariedade internacional” e chamou o pobo galego a se adherir a esta loita. 

O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista naceu a pasada semana para coordenar actividades coas distintas organizacións de solidariedade que xa operan na Galiza, mais que están centradas en territorios específicos, a prol dunha loita máis global. “O obxectivo é exercer a solidariedade do pobo galego cos pobos do mundo, quer con aqueles que están a ser agredidos quer con aqueles aos que non se lles permite exercer o seu dereito á soberanía”, resolve Valadares.