Romeu ofrece a Feijóo pactos sobre o emprego e a permanencia de NGB como entidade galega

Romeu ofrece a Feijóo pactos sobre o emprego e a permanencia de NGB como entidade galega
méndez romeu
méndez romeu  

Discurso nidiamente socialdemócrata de Méndez Romeu no seu debú parlamentario. O portavoz do PSdeG-PSOE acusou o PP de "aplastar" as clases traballadoras e "arruinar" as clases medias. Concluíu ofrecendo a "discusión de aquí ao mércores" de dous pactos: un sobre o emprego e outro sobre a permanencia de NGB "como entidade galega".


Méndez Romeu fixo un discurso inequivocamente socialdemócrata, de defensa dos servizos públicos e a prol dunha política fiscal progresiva, mais en ningún momento fixo a menor referencia ao fortalecimento do autogoberno de Galiza.

O que si mostrou foi preocupación pola saúde da Constitución española. Destruír o Estado social, que é o que estarían a facer os gobernos "de dereita" da Xunta e do Estado, é tanto como "baleirar a Constitución española".

Financiar a sanidade con impostos

"Para nós, a sanidade pública é irrenunciábel e debe ser financiada polos impostos", dixo Méndez Romeu, quen interpelou a Feijóo nestes termos: "Non conte connosco para impulsar un modelo de negocio" que debilite o carácter público do sistema sanitario. "Queremos que os cidadáns só paguen unha vez, através dos impostos, e non tamén cando utilicen os hospitais", afirmou en alusión ao repagamento sanitario.

Se a esperanza de vida en Galiza é das máis altas no mundo é grazas "á extraordinaria calidade do sistema sanitario público", o albo das políticas privatizadoras do PP, alegou o portavoz da formación socialdemócrata, quen se referiu tamén ao ensino en termos similares: "Vostedes da man do ministro Wert apostan por menos axudas, menos bolsas, leva retirado 700 millóns de euros de gasto educativo, leva reducido 1.200 profesores...", denunciou o portavoz do PSdeG, quen anunciou o apoio do seu partido á folga convocada contra a LOMCE.

Por que agora é o PP tan permisivo co Goberno do Estado español? Por que rebaixou a exixencia ao Goberno de España? perguntouse Méndez Romeu. "Por que se rende agora diante da venda de NGB? Por que permite que se venda agora se hai 5 anos de marxe? Vosté pasará á historia por liquidar 2 caixas e 3 bancos, tamén quere ser o liquidador de NGB. Por que vendelo agora se hai varios compradores interesados?", inquiriu o deputado do PSdeG.

Méndez Romeu reprochou a Feijóo a caída demográfica e a emigración. "Con vostés os galegos somos máis febles e, ademais, menos".

"Vosté preside un goberno burocrático. Pide consensos, pero evita acordos", denunciou o portavoz socialista, que ofreceu a hipótese de pactar "de aquí ao mércores" dous pontos: un plan de emprego neto no sector privado e o mantimento de NGB como entidade galega, "e non vendela a terceiros". "Vosté ten os recursos. Isto depende do FROB. Teñen a maioría absoluta, aquí e en España", indicou.



x