Miguel Fernández “A política de recortes e o desemprego están a aumentar a exclusión social”

Miguel Fernández “A política de recortes e o desemprego están a aumentar a exclusión social”

O informe “Na procura de alternativas II” de Cáritas Inerparroquial recolle que 650.000 persoas están na Galiza en situación de exclusión social e 120.000 viven nunha pobreza que caracterizan de carácter severo. Responsábel de emprego e inmigración de Cáritas Interparroquial, membro da Plataforma polo emprego e do Foro da Inmigración, Miguel Fernández sitúa nas altas taxas e o desemprego prolongado máis na política de recortes as causas destes alarmantes datos. 


-O informe “Na procura de alternativas II” contempla que 650.000 persoas están en situación de exclusión en Galiza. Que supón iso a nivel social? 

Supón que existe unha grande desigualdade social por unha banda e por outra que a situación de altas taxas de desemprego prolongadas no tempo, provocan que moitas persoas van pasando a situacións de pobreza, ás veces atenuadas por apoios familiares ou veciñais, pero que pouco a pouco van xerando un grupo de persoas cada vez máis numeroso con grandes dificultades para levar unha vida normal, con poucos ou ningún ingreso e que teñen que recorrer a axudas sociais.

-120.000 galegas e galegos viven xa baixo pobreza severa. Que medidas se teñen que activar para mudar esta situación de emerxencia?

Para nós, as medidas teñen que ver con dúas liñas, por unha banda manter unha política que garanta ingresos mínimos para as persoas a través de prestacións, rendas mínimas ou calquera outra modalidade, pero que aínda que sexan cantidades pequenas manteñan uns certos ingresos de forma continuada. Cumpriría ir artellando un modelo de renda básica universal, no que xa se está a traballar nalgúns lugares (hai unha subcomisión no Parlamento Catalán), que evite ás situación de exclusión social máis severas
Por outra banda, os recursos destinados ás políticas sociais, que descenderon entre 1/3 e ¼ nos últimos catro anos, deben incrementarse e orientarse cara a actuación que faciliten a inserción e integración socio-laboral, manter as actuacións máis asistenciais, por ser imprescindibles, pero tamén ás que permiten loitar de forma real contra a exclusión social, sacando persoas adiante. Nesa liña compre tamén que a percepción social da exclusión social como fracaso persoal das persoas afectadas vaia cambiando cara a unha percepción como autentico problema social e global, quizais o máis importante da nosa sociedade neste momento.
No horizonte debemos pensar nun modelo económico distinto, menos produtivista, menos vencellado ao sector financeiro, con menos carga de traballo retribuído e máis carga de traballo social e solidario. 

-A política de recortes está a propiciar unha maior exclusión social? Como se manifesta? 

Si de forma clara o FOESSA 2013 de Cáritas Española indica unha relación directa entre recortes e aumento da exclusión social e ademais aparecen reflectidas tamén consecuencias relacionadas coa perda de dereitos no campo social, sanitario, educativo. Os recortes van contra a universalidade de servizos, porque se hai que pagar por servizos que antes non había que pagar, como hai persoas que non poden pagar na práctica eliminamos dereitos para esas persoas. Maniféstase na renuncia obrigada  a abordar tratamentos médicos, a mercar libros de texto, a coidar a persoas dependentes, etc  

-Está a mudar o perfil da pobreza?

Está, tende a estenderse o perfil cara a persoas e familias que procedían de familias e situacións que considerábamos “normalizadas”. Son suxeitos máis formados e máis “capaces” que tamén poden facer maior presión social na defensa dos seus dereitos. Este factor entre comiñas pode ser positivo para conseguir unha resposta social ampla fronte a Exclusión Social

-Informes recentes da Rede Galega contra a Pobreza alertaban da volta da fame a Galiza. O momento é crítico? 

Nós pensamos que a fame non é problema con tal, aínda que si hai casos, xa os había antes tamén, de mala alimentación ou subalimentación, que sobre todo entre menores son perigosos. Pero o problema non é tanto está cuestión tan básica, senón outras que teñen que ver con pagos de alugueiro, subministracións, gastos en roupa, cultura, lecer e outros. Eu sempre poño o exemplo que para un neno que xaque nun equipo de fútbol, poder comprar unha botas aínda que sexan das máis baratas pode ser máis importante que comer, pola vergonza e rabia que ten que sufrir esa rapaz. Non debemos focalizar na comida, senón nuns ingresos que permitan unha vida sinxela pero digna para as persoas.

-Que mudanzas políticas serían precisas para facer fronte ao continuado aumento do desemprego e a pobreza?

Xa indiquei con anterioridade, que compriría fomentar ás políticas de formación e emprego públicas, as administración deben comprometer recursos e ofertar alternativas laborais e ocupacionais  para as persoas con garantía de ingresos mínimos, senón será difícil saír. E xusto ao revés do que se está a facer, pero creo que compre pensar en alternativas tipo New Deal, antes que nesta austeridade que condena a pobreza cada vez a máis persoas.

-Vostede traballa directamente co colectivo inmigrante, sempre desfavorecido na sociedade. Como está a vivir a crise? Estase a dar un regreso aos países de orixe?

Dun xeito parecido ao resto, son persoas e familias que adoitan ter menor apoio socio-familiar, polo que sofren antes a escaseza. Os seus empregos son en sectores que pronto xeraron alto paro ao comezo da crise e nese sentido a situación pode ser máis complicada; pero tamén teñen entre comiñas avantaxes, relacionadas coa súa mobilidade territorial e laboral e coa menor esixencia de dereitos laborais. Mulleres, por exemplo que traballaban na hoste lería, se teñen que volver a traballar como empregadas de fogar internas, son capaces de facelo de forma rápida. Non está pensando en volver, salvo algún casos dalgunhas familias por motivos concretos. En xeral o predominio de poboación migrante procedente de Latinoamérica e África con intención de facer aquí un proxecto de vida a longo prazo fai que incluso se manteñan, a pesar da Crise, os procesos de reagrupamento familiar. Esperan como [email protected] resistir e superar a Crise. Algún colectivo como os romaneses ou os [email protected] poden ser máis movibles, no sentido de que veñan e volten con máis facilidade.