Mónica Martínez: “O PP está a converter a universidade en privilexio dunha elite”

Mónica Martínez: “O PP está a converter a universidade en privilexio dunha elite”
Mónica Martínez
Mónica Martínez  

Mónica Martínez Porteiro estuda Enxeñeiría Industrial e é responsábel nacional de organización dos Comités, organización con máis representación estudantil no conxunto da universidade galega. O proxecto do Real Decreto de Bolsas e Axudas ao Estudo preparado por Wert afonda, ao seu ver, nunha universidade máis elitista que deixa fóra a moitas mozas e mozos, en especial, neste contexto de crise. 


-Que supón para o estudantado o decreto de bolsas que o ministro Wert quere impor?

A imposibilidade de que mozos e mozas con problemas económicos cheguen ao ensino superior. As bolsas cada vez son menores cando cada vez son máis necesarias e as imposicións para chegar a axudas son maiores. Cada vez atopamos máis trabas de carácter económico para poder estudar na Universidade. Só os fillos de ricos van poder se universitarios. 

-Manteñen que 1.100 estudantes das universidades galegas non poden pagar a matrícula. Increméntase entón o abandono dos estudos?

Trátase dunha cifra moi alta. O número de bolsas reduciuse e, pola contra, aumentou de certo o número de abandono de estudantes. Ademais, o carácter retroactivo está facendo que algúns teñan que devolver as bolsas, que poden ser 4.000 euros, de golpe e iso está a levar a situacións moi difíciles. Vemos como as universidades están creando fondos sociais para axudar aos alumnos cando, por outra parte, non están no seu mellor momento. Asistimos a casos extremos que nunca se deron. Xa non se trata só do alumnado afectado persoalmente senón tamén da propia calidade educativa. Vemos como se reducen o número de investigadores e docentes e a universidade perde nivel no ensino. 

-Canto pode custar hoxe unha matrícula universitaria?

As de letras teñen un custe inferior que as de ciencias pero unha Enxeñería Química, como a que eu estudo, pode andar polas 1500 ou 1700 euros, con prezos incríbeis para as terceiras e cuartas matrículas. Son cifras que deixan nunha situación moi complexa a moitos mozos e mozas, en especial en tempo de crise tan dura como a que vivimos. Celebran que non se van subir taxas estes ano pero ocúltase que a subida do pasado foi espectacular. 

-En que casos hai obriga de devolver as bolsas co decreto?

Non é novidade, xa se está a dar e hai alumnado que se ve en situación de devolver a totalidade do contido das bolsas. Concedíaselle pola situación económica e, no fin, vese na obriga de devolvela, a situación é moi dura e de difícil saída. Os fillos de xente que non ten moitos cartos vese na obriga de sacar notas. Se non es rica non podes suspender. 

-Deixa fora a moita mocidade da posibilidade de estudar?

Moita xente vai perder as bolsas e dáse outra circunstancia que é a cantidade de persoas que xa non opta por entrar ao pensar que non ten posibilidades de continuar no ensino universitario. Xa nin pensa nesa posibilidade por ser un luxo. Están actuando con carácter disuasorio para xente que non ten moitos recursos. A Universidades cada vez é máis elitista. O contexto socioeconómico é cada vez máis duro como para pagarlle esas cifras d matricula a unha filla ou un fillo. O PP está a converter a universidade en privilexio de poucos, dos que se poden permitir economicamente ou dos que teñen moita capacidade. 

-A nota de acceso e créditos superados é moi alta? Nalgunhas titulación é difícil chegar a elas?

En carreiras como enxeñeirías ou  arquitectura é moi complicado chegar a eses requisitos que se impoñen. Conseguir un cinco costa suor e superar todos os créditos é realmente difícil mais o goberno ten que saber que nós estamos para estudar e conseguir un futuro mellor, non para gastar cartos fora da casa. 

-Do que máis se fala é do 6,5 requerido nas notas, é o punto máis conflitivo do decreto?

Céntrase niso todo o problema cando o decreto ten outros puntos moi duros. O carácter retroactivo das bolsas é escandaloso, que teñas que devolvelas ao final se non acadas os obxectivos académicos ou tamén a posibilidade que dá de que saiamos da universidade tendo que devolver un crédito, cunha hipoteca posta cando xa nos preparan para rematar e coller a maleta e marchar do país.