A Comunidade de Montes de Cabral vota non ao centro comercial de Eurofund

A Comunidade de Montes de Cabral vota non ao centro comercial de Eurofund
 

A pedra está definitivamente no tellado do Concello. Os comuneiros votaron maiormente non ao centro comercial Porto Cabral e o goberno municipal de Vigo terá que decidir si, como anunciou pouco antes, desoe aos titulares do monte e dá luz verde ao equipamento comercial e de ocio. 344 votos fronte a 297 manifestaron a vontade de frear o proxecto de Eurofund. 


344 votos para o non e 297 para o si. 47 votos inclinan a balanza da Comunidade de Montes contra o proxecto de Porto Cabral. Do censo de 780 comuneiros, 676 participaron no comicio. Son os titulares de 300 hectáreas de monte en man común que o terreo terá que expropiar mesmo coñecendo a vontade da veciñanza a que non se constrúa o complexo comercial. O goberno municipal será agora o que teña que mover ficha, unha vez sabedor da negativa da veciñanza ao proxecto promovido pola empresa Eurofund. 

O goberno municipal de Vigo adiantou pouco antes de que se producise a votación, que o complexo Porto Cabral disporía dos terreos en Liñeiriños, decidise o que decidise a Comunidade de Montes de Cabral. A Concelleira de Urbanismo, Carmela Silva foi tallante nas horas previas á votación á hora de defender a execución do PXOM e o proxecto. O BNG defendera a través de iniciativas presentadas tanto no Concello de Vigo e no Parlamento Galego que o Concello non declarase o proxecto de interese público, que non se lle concedese licenza comercial por parte da Xunta así como desenvolver medidas para estimular a actividade do pequeno e mediano comercio. 

Segundo o propio Plan Xeral de Ordenación Municipal, é o propio Concello quen tería que iniciar a expropiación dos terreos, agora coa oposición manifesta dos comuneiros que hoxe votaron maiormente contra a execución do centro comercial. 

A falta de confianza no propio proxecto contribuíu a decantar o voto dos comuneiros que coñecen o alto grao de desocupación doutras áreas comerciais, un 50% na Praza Elíptica e un 37,50 % no Centro Comercial Camelias. O proxecto promovido polo grupo de investimento estranxeiro, Eurofund Investments contemplaría unha nova área de comercio e ocio na que mesmo se deseñaba un lago artificial para surf, idea que non cadraba nunha cidade rodeada de mar e cunha área deportiva próxima. 

Este mesmo venres, o Centro Cultural de Cabral A Becerreira acollía a estrea do documental “SOS Comuneiros de Cabral”, unha reportaxe na que a veciñanza do barrio así como distintos responsábeis de organizacións políticas ou persoas implicadas no proceso como o avogado Nemesio Barxa, o Presidente da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira e outros completaban o retrato sobre o proxecto de centro comercial Porto Cabral, un equipamento para o comercio e ocio co que a empresa “Eurofund” quere ocupar terreos do parque de Becerreira e boa parte do monte veciñal de Cabral, terreos que, pola súa titularidade non se poden vender. 

Dirixido por Xisela Franco co profesor e investigador en montes comunais Alfonso Álvarez Canella como guionista, o documental dá conta da mobilización de Cabral na defensa dos montes veciñais en perigo pola ameaza do macro centro comercial da empresa “Eurofund”. A empresa ofrecíalles á Comunidade de Montes 12 millóns de euros polo chan.