Novas multas da Garda Civil a pesqueiros galegos por non pendurar a bandeira española

Novas multas da Garda Civil a pesqueiros galegos por non pendurar a bandeira española

O instituto armado levanta en varios portos galegos acta de propostas de sanción en aplicación dun Real Decreto de 1980 que obriga a levar izado o pavillón español e en lugar ben visíbel. A multa pode chegar a 1.500 euros.


Os barcos de pesca galegos están obrigados a levar, e en lugar ben visíbel, a bandeira española, independentemente da súa eslora, actividade e caladeiro. Tanto ten que faene en augas internacionais como que o faga no interior dunha Ría e a poucas millas de porto. Levar o pavillón español é unha obriga cuxo incumprimento implica sancións de até 1.500 euros. Puidérono comprobar hai uns días na Coruña os tripulantes de dúas embarcacións de artes menores deste porto.

En 2013 embarcacións de diferentes portos da Ría de Arousa recibiron multas e sancións por non levar izado o pavillón español.

Non é a primeira vez. En Sermos Galiza informaramos en xullo de 2013 da vaga de multas e sancións que a Garda Civil estaba a impoñer a embarcacións pesqueiras na Ría de Arousa por non levar a bandeira española. Varios mariñeiros explicábannos daquela que as embarcacións que andaban a faenar dentro da Ría tradicionalmente non levaban pavillón ningún sen que iso xerara problemas, até entón. As patrulleiras da Garda Civil comezaran a inicios de 2013 a inspeccionar e levantar propostas de sanción, que se remitían a Capitanía Marítima.

Outra vez

A finais da semana pasada dúas embarcacións de artes menores da Coruña foron sancionadas por non levar a bandeira española. Foi cando o cerqueiro ‘Mar de Alba’ quixo transvasar -nunha práctica habitual- parte do peixe que levaba a eses barcos. Facía despois de que a este buque do cerco de 21 metros de eslora e con porto base en Ares non lle deixasen vender en Burela após ser inspeccionado e fixar os inspectores que levaban 11.000 quilos de peixe -os mariñeiros insisten en que eran 9.000-, polo que non podía descargar no porto da Mariña, que ten o límite en 10.000 quilogramos. O sector do cerco denunciou o que considera un ‘’acoso’’ á súa frota.

A comezos do presente ano varios mariñeiros e bateeiros, desta vez outravolta na beira norte da Ría de Arousa, amosaron o seu malestar pola nova vaga de inspeccións no mar de axentes da Garda Civil para comprobar se se levaba izado o pavillón español.

A obriga de levar a bandeira española nos barcos, e en lugar ben visíbel, figura no Real Decreto 2335/ 1980. No seu artigo número 1 di que “todos os barcos enarbolarán como único pavillón a bandeira de España”. No número 2, engade: “ningunha bandeira poderá estar izada se non está o pavillón 'nacional'”. As multas varían entre os 800 e os 1.500 euros.