Nunca Máis convoca protestos simultáneos en toda a Galiza contra a sentenza do Prestige


Nunca Máis convoca protestos simultáneos en toda a Galiza contra a sentenza do Prestige

A plataforma chama a cidadanía a se concentrar esta sexta feira día 15 ás 20h en 12 localidades --e en Monforte ás 21h-- para rexeitar a resolución xudicial que deixa sen responsábeis a meirande catástrofe ecolóxica da historia do Estado español. A respeito do recurso perante o Tribunal Supremo, a Comisión Xestora esclarece nunha nota de imprensa que a decisión "aínda non está tomada".


A Plataforma Nunca Máis, que cualificou a decisión da Audiencia Provincial de "ridícula e insultante para a cidadanía galega" --palabras de Fins Eirexas ás portas da sede do tribunal--, convocou para esta sexta feira 15 de novembro concentracións simultáneas en toda a Galiza, ás 20h, para enfatizar o rexeitamento á sentenza. 
 

  • A Coruña: Obelisco
  • Ferrol: Praza de Armas
  • Santiago: Praza do Toural
  • Lugo: Praza da Soidade
  • Monforte: Praza de España [esta concentración será ás 21h]
  • Ourense: Parque de San Lázaro, enfronte Subdelegación do Governo
  • Pontevedra: Praza Peregrina
  • Vigo: diante do Museo Marco, Rúa do Príncipe
  • A Estrada: Praza do Concello
  • Vilagarcia de Arousa: Praza de Galiza
  • Foz: diante do Concello
  • Ribeira: Praza do Concello
  • Cee: Praza 8 de marzo
  • Lalín: Praza da Igrexa
  • O Grove: Diante da Casa do Concello
  • Madrid: Praza de Lavapiés (20:30)
  • Londres: Diante do consulado do Estado español

Após mostrar a súa indignación coa decisión xudicial, Nunca Máis bota man dun dito popular, "todo porquiño ten o seu San Martiño", para llo dedicar a Mariano Rajoy --vicepresidente do Goberno español en 2002 e hoxe presidente--, José María Aznar --presidente do Goberno español en 2002--, Francisco Álvarez Cascos --ministro de Fomento en 2002-- ou Arsenio Fernández de Mesa --delegado do Goberno español na Galiza en 2002 e hoxe director xeral da Garda Civil--. Ningún deles sentou no banco [email protected] [email protected] malia seren sinalados como os verdadeiros responsábeis do acontecido. 

A Comisión Xestora da plataforma Nunca Máis esclarece nunha nota de imprensa que a decisión a respeito do recurso perante o Tribunal Supremo "non está tomada", após informar por erro de que a apelación ía adiante

''Se hai un exemplo de sentenza política, foi esta''

Desta maneira, foi o ex director xeral da Mariña mercante, José Luís López-Sors, o único cargo público que foi xulgado. Porén, ficou absolto dos delitos que a Plataforma Nunca Máis conseguiu imputarlle --contra o medio ambiente, danos en espazos naturais protexidos e danos-- ao entender a Audiencia Provincial da Coruña que "a decisión de afastar o barco foi a correcta". 

"Non podemos ficar calados", continúa o colectivo cidadán no seu comunicado. "Nin o estivemos daquela nin o imos estar agora", din. Da resolución que chegou once anos após a catástrofe agardaban que ratificase as responsabilidades políticas que reclaman e que a condena a López-Sors --"responsábel de ter convertido o accidente nunha catástrofe", segundo Fins Eirexas-- "e no seu nome a todos os responsábeis que non foron nin sequera imputados".

Non foi así e agora a Plataforma sopesa presentar un recurso de apelación perante o Tribunal Supremo para que poña remedio á indignación: "se hai un exemplo de sentenza política e de farsa, foi esta", concluíu Eirexas ás portas da Audiencia Provincial.