O BNG denunciará na UE un proxecto de acuicultura na Ría de Muros-Noia

O BNG denunciará na UE un proxecto de acuicultura na Ría de Muros-Noia
Remolcador inxectando auga na gaiola
Remolcador inxectando auga na gaiola  ADEGA
A formación nacionalista quere que os proxectos que instale a multinacional North West Food cumpran a normativa comunitaria e os principios que rexen a Política Pesqueira Común.

A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, recolleu a denuncia do sector pesqueiro e das asociacións ecoloxistas Asoar-Armega, Adega, Verdegaia, Greenpeace, Oceana, Salva a Selva, Salvemos Montefero e Ecoloxistas en acción.

Miranda pedirá a Comisión Europea se pronuncie sobre a posíbel instalación na Ría de Muros-Noia de 20 gaiolas para a cría industrial de salmón. Após unha reunión co sector pesqueiro e as asociacións ecoloxistas o BNG considera que hai que garantir que proxectos como este da multinacional North West Food cumpran coa normativa comunitaria. 

Segundo datos facilitados pola propia empresa en dúas gaiolas experimentais de cría de alevíns de salmón xa instaladas rexistrouse unha mortaldade do 82% fronte ao 6% estimado como razoábel polo que, segundo Ana Miranda, "non cumpre o principio da Política Pesqueira Común que defende unha explotación sustentábel dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura”. A eurodeputada nacionalista vai propor que os colectivos pesqueiros e ecoloxistas que acudan a Eurocámara para explicar directamente os feitos.

Opacidade da Xunta

Outra das denuncias dos colectivos na que coincide Ana Miranda ñe a "opacidade" do goberno galego neste tema. Para a nacionalista non é de recibo que se aproben proxectos deste tipo "de costas ao sector". A preocupación dos colectivos que se reuniron coa eurodeputada galega é que na Ría de Muros-Noia hai catro polígonos de bateas de produción de mexillón e dunha importante frota dedicada a pesca e ao marisqueo tradicional.

Imaxe: ADEGA