O colapso da sanidade en Galiza e o veto do PP ao dereito de autodeterminación centran o número 35 do semanario

O colapso da sanidade en Galiza e o veto do PP ao dereito de autodeterminación centran o número 35 do semanario
O colapso da sanidade en Galiza é o tema da semana no número 35 do Sermos Galiza, xa no prelo. Unha reportaxe de Rodri Suárez esmiuza como se pode derramar un dereito básico da cidadanía.

Sermos Galiza debrúzase neste número 35 nun drama cotián, o do servizo de urxencias dun hospital galego, neste caso o do CHUAC da Coruña. Historias de xente corrente. Historias estarrecedoras. Historias de como os recortes danan a vida das persoas.

Nesta nova entrega, o semanario analisa tamén o novo golpe desferido contra a democracia pola maioría conservadora do PP. Neste caso ao interpor un veto contra a proposición de lei de autodeterminación. Dedicamos o editorial e dúas páxinas, con entrevistas aos portavoces de BNG, ERC e Amaiur, a este asunto.

E tamén teñen o seu aquel as páxinas de Opinión, cunha nova entrega da autora de Xigantescos Olmos, a profesora da UDC e escritora Pilar García Negro

Hai tamén espazo para o xornalismo de investigación e para a denuncia social, con atención especial a como as empresas concesionarias de servizos públicos precarizan as condicións laborais dos seus e das súas traballadoras.

Neste número hai espazo para o xornalismo de investigación e a denuncia social

Tamén en Social incluímos unha reportaxe sobre a prostitución, sobre como a crise afecta a vida de mulleres que ven violados os seus dereitos humanos máis básicos.

Unha reportaxe sobre os privilexios da Igrexa e unha entrevista co realizador do documentario do Prestige recentemente censurado por TVE completan os contidos desta nova entrega, alén das seccións habituais dunha Cultura que desta volta trae toda unha surpresa. Unha surpresa lusófona.