O empresario galeguista Paz-Andrade tamén imputado por Pescanova

O empresario galeguista Paz-Andrade tamén imputado por Pescanova
Alfonso Paz Andrade
Alfonso Paz Andrade  

Ademais de imputar a Fernández de Sousa, o xuíz Ruiz inclúe tamén no caso a Alfonso Paz-Andrade, empresario galeguista, anterior conselleiro delegado e con grande peso en fundacións e entidades culturais, entre elas, a Castelao, Luis Seoane ou Consello da Cultura Galega. 


Fernández de Sousa non está só nas imputacións que o xuíz Ruz sinala para esixir responsabilidades no caso Pescanova. Canda el, Pérez-Nievas, José Alberto Barreras e Alfonso Paz-Andrade aparecen tamén na listaxe de imputados do maxistrado. 

Paz-Andrade terá que comparecer diante da Audiencia Nacional canda de Sousa e polos mesmos delitos que o presidente do Consello de Administración, acusado de “defraudación”.  O maxistrado responde así ás recomendacións emanadas do informe da Fiscalía e dos datos da Comisión Nacional do Mercado de Valores, que o propio Paz-Andrade tiña criticado por alarmista desde a revista que dirixe Industrias Pesqueiras.  

Alfonso Paz Andrade foi conselleiro delegado durante 33 anos do grupo Pescanova até que abandonou o posto en 2007. O pasado mes de marzo, Faro de Vigo publicaba que viña de desprenderse de 120.000 accións por un total de 2 millóns de euros, cifra que se sumaría aos 3 millóns de euros que tería recibido pola venda doutro paquete de 233.188 títulos de accións no mes de agosto de 2012.  

Despois de se descubrir o burato de Pescanova, a revista Industrias Pesqueras, dirixida por Paz Andrade, publicaba dous editoriais nos que reclamaba un “pacto global” de todos os actores implicados para salvar Pescanova. Criticaba  tamén a actitude “tibia e des comprometida” da Xunta e o goberno central. 

Paz Andrade, man dereita de de Sousa no seu momento co que compartiu consello de administración, chamaba a un pacto global e sinalaba que non é este o momento de buscar culpábeis. “Os erros, en maior ou menor magnitude, proceden de mais de un bando” dicia, para pasar a afirmar que “non é momento de buscar responsábeis”. Destacaba a dimensión e gravidade da situación económica que provocaba a crise de Pescanova e lamentaba que “as autoridades nacionais e autonómicas cunha actitude tibia e descomprometida, se alonxen da esencia dun problema económico de máxima magnitude”, para o que citaba concretamente a parálise da conselleira Rosa Quintana. 


En Fundacións e entidades da Cultura 


Fillo do intelectual nacionalista Valentín Paz-Andrade a quen o pasado ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, Alfonso é director da revista Industrias Pesqueras, publicación referencia no sector e presidente do Comité Executivo de World Fishing Exhibition. Foi durante 33 anos conselleiro delegado de Pescanova e membro do Consello da Asociación de Sociedades Pesqueiras Españolas e presidente da Asociación Nacional de Armadores Españoles de Sociedades Conxuntas ademais de Vicepresidente da Mutua Galega e vocal do Consorcio Zona Franca de Vigo. 

A súa é tamén unha presenza constante dentro das fundacións de carácter cultural na Galiza e, desta maneira, forma parte da directiva da Fundación Castelao e é patrono da Fundación Neira Vilas e da Luis Seoane ademais de membro do Consello da Cultura Galega. Formou tamén parte padroado da Fundación Caixa Galiza e foi vicepresidente do Consello de Administración de NovaCaixaGalicia. 

Paz-Andrade partillou tamén das empresas de Jacinto Rei no grupo San José e, entre outros, ocupou o cargo de presidente do Consello de Administración do Xornal de Galicia en febreiro de 2011.