O estudantado plántalle cara a Wert cunha folga no ensino o 6 de febreiro

O estudantado plántalle cara a Wert cunha folga no ensino o 6 de febreiro
ensino
ensino  SG
Os Comités e a Liga Estudantil Galega veñen de acordar un calendario de mobilizacións conxuntas para plantarlle cara á LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa).

As dúas principais organizacións de representación estudantil no ensino galego rematarán o proceso cunha xornada de folga o próximo 6 de febreiro en defensa do ensino público galego. A través dunha conferencia de prensa conxunta convocada para hoxe segunda feira 14 en Compostela, os Comités e a Liga Estudantil Galega farán público o calendario de mobilizacións que rematará coa folga do estudantado no ensino público.

Por medio dun manifesto conxunto, as dúas organizacións estudantís defenden que a LOMCE supón “un retroceso de máis de corenta anos e da volta do fracasado modelo educativo do franquismo. O ministerio de Educación pretende con esta Lei privatizar e elitizar o ensino, españolizalo, recentralizalo e cedelo en exclusiva ao poder da Igrexa Católica”. Critican a “privatización” encuberta do ensino universitario afogado polo recorte orzamentario. “Mentres reducen 150 millóns de euros no ensino público e transfiren máis de 230 millóns ao privado concertado queren converter os centros de ensino e as universidades en comparsas do desmantelamento da rede pública de ensino”, sinalan ao tempo que convocan toda a sociedade para apoiar as mobilizacións e a xornada de folga do próximo 6 de febreiro.

"Apostar por un ensino público de calidade é apostar, ao mesmo tempo, por unha sociedade xusta e democrática. Nas antípodas da defensa do carácter público do ensino está o modelo educativo do Partido Popular, inspirado nun proxecto profundamente reaccionario e que ten a única intención de converter o ensino nun privilexio" sinalan.