O PP fai da auga un negocio no Concello da Coruña

O PP fai da auga un negocio no Concello da Coruña
Entrega de 1700 alegacións contra a suba do recibo da auga.
Entrega de 1700 alegacións contra a suba do recibo da auga.  
O Goberno municipal, malia o rexeitamento da oposición, encarecerá o recibo da auga en máis de 13 euros por recibo, provocando que a cidadanía pague un sobrecusto sobre o valor real do sevizo

Máis de 13 euros por recibo. É o que, de media, subirá a auga no Concello da Coruña tras as modificacións propostas nas ordenanzas fiscais e de prezos públicos por parte do Goberno municipal do PP, unhas ordenanzas que están á espera de ser aprobadas definitivamente. Os grupos políticos da Corporación municipal, PSOE, BNG e EU-Os Verdes, xa amosaron a súa oposición ao que consideran “un roubo” e veñen de facer públicas as súas alegacións ás ordenanzas co fin de que o alcalde, Carlos Negreira, corrixa o incremento do recibo da auga.

En virtude da modificación das ordenanzas, ao 87% dos e das subscritoras da auga na cidade da Coruña, que teñen contratado 1,5 m3/h, o PP encareceralles a auga o ano que vén, nunha media de 13 euros por recibo. Ademais ás persoas subscritoras de 1,5 m3/h cámbiaselles o caudal contratado deses 1,5 m3/h a 2,5m3/h. Porén, o cambio real do servizo é unha fraude xa que, por limitacións técnicas, é imposíbel que cunhas instalacións de 1,5m3 poida facerse uso do caudal de 2,5m3/h. A suba máis considerábel ten a ver coa taxa de sumidoiros, que se duplica, e coa taxa de depuración, que o PP aumenta un 460%. Ademais desta suba, o Goberno municipal estabelece unha nova taxa de 12 euros por dar de alta o servizo e tamén sufrirán un incremento dun 1,5% no prezo da auga aos concellos limítrofes da Coruña.

Sobe a auga e soben os beneficios de Emalcsa

O Grupo Municipal do BNG puxo de manifesto, unha vez coñeceu o contido das novas ordenanzas fiscais, que a veciñanza da Coruña xa está a pagar un sobrecusto sobre o valor real do servizo, tal e como se evidencia nos beneficios da Empresa Municipal de Augas da Coruña, Emalcsa. Segundo os datos do Rexistro Mercantil, o resultado de explotación da empresa medrou no 2011 un 62% respecto do ano anterior e acadou un beneficio neto de 4,6 millóns, no 2011. Á vista destes datos, os nacionalistas concluíron que Emalcsa é unha fonte extraordinaria de beneficios, resultado, basicamente, do sobrecusto do servizo, que recae na cidadanía da Coruña e nos Concellos aos que Emalcsa lles subministra a auga (Sada, Bergondo, Oleiros, Cambre, Culleredo e Arteixo). De non corrixir o Goberno municipal, co encarecemento do recibo da auga, a empresa municipal de augas incrementará aínda máis os seus beneficios millonarios o ano que vén.

Pola outra banda, a Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos, obriga a que as taxas municipais dun servizo como o da auga e do abastecemento deben cubrir os custos de explotación do servizo, pero non máis. Porén, na Coruña, a realidade tradúcese en que a cidadanía está a pagar pola auga un prezo máis alto do que debería.

Os beneficios de Emalcsa pagan os caprichos do PP

Como complemento da externalización do servizo público da auga, o Concello constituíu en xuño de 2009 a Fundación Emalcsa, S.A., creada, inicialmente, como organismo social para complementar as demandas da cidadanía en temas fundamentalmente sociais. Porén, a chegada do PP ao Goberno municipal traduciuse nun cambio nos estatutos desta fundación, a través da que Negreira externaliza proxectos opacos para a Corporación municipal e para a cidadanía.

Así, na actualidade, a través da Fundación Emalcsa fináncianse iniciativas que escapan ao control dos grupos da oposición. É o caso da iniciativa Coruña Futura, cun custo 698.000 euros, ou do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel, que lle custa 550.000 euros. A oposición lamenta que mediante o encarecemento do recibo da auga, Negreira financie “proxectos escurantistas” que nin PSOE, nin BNG, nin EU-Os Verdes nin a cidadanía poden fiscalizar.

O BNG denunciou a suba da auga en asembleas abertas ao longo da cidade

Precisamente, esta mañá, PSOE, BNG e EU-Os Verdes presentaron alegacións contra as ordenanzas fiscais e de prezos públicos, nomeadamente, contra o encaremento do recibo da auga. Ademais das alegacións das formacións políticas, o Grupo Municipal do BNG fixo entrega de máis de 1.800 alegacións de veciños e veciñas a nivel particular. A oposición da cidadanía ao encarecemento do recibo da auga en forma de alegacións é froito da campaña que realizaron os nacionalistas ao longo da cidade. O BNG da Coruña convocou en cada barrio asembleas abertas para dar a coñecer “a estafa”, en palabras de Xosé Manuel Carril, portavoz do Grupo Municipal.

O nacionalista, que considera lamentábel que o PP considere un ben de primeirísima necesidade, como é a auga, como un ben de luxo e como un negocio, critica “o furor mercantilista excluínte de Negreira”. “É inconcebíbel que paguen máis polas necesidades básicas as persoas que menos teñen”, sinala Carril, que salienta que “o roubo do PP ao peto da cidadanía ten unha contestación clara e evidente en forma de alegacións”. O portavoz do BNG no Concello da Coruña sinala que “ante o saqueo da auga a xente responde advertindo que non se pode seguir con esta política de asfixia social en beneficio único e exclusivo dunhs elites”.