O PP usa a presidencia do Parlamento como ariete e racha todas as pontes coa oposición

O PP usa a presidencia do Parlamento como ariete e racha todas as pontes coa oposición
Parlamento baleiro
Parlamento baleiro  SG
O PP amosa o seu rostro máis bronco e autoritario neste comezo da lexislatura. Debilitado polos seus problemas internos -do concello de Santiago até o nunca resolto expediente ourensán-, o PP usa agora a presidencia do Parlamento como ariete para rachar todas as pontes coa oposición. Os conservadores acreditan que sairán gañando no corpo a corpo.

A presidencia do Parlamento sae moi debilitada dun conflito sen precedentes e cuxas consecuencias últimas son imprevisíbeis. Rojo prestouse á estratexia marcada polo aparato do partido. O PP procura a bronca coa oposición para desviar a atención dos seus conflitos internos e da larga sombra da corrupción que proxecta o caso Bárcenas, o tesoureiro que xa con Fraga Iribarne como presidente regaba os petos dos dirixentes conservadores con sobres en negro entre 5.000 e 15.000 euros mensais.

Nunca como agora foi máis evidente a subordinación da presidencia do Parlamento á estratexia partidaria da maioría gobernante. A decisión de furtar aos grupos parlamentares o dereito que sempre lles asistiu a estender convites ás e aos cidadáns para presenciar ao vivo os Plenos do Parlamento ten sido un movemento político perfeitamente calculado por parte do aparato do PP. Os conservadores eran conscientes de que a oposición non ía tolerar un atentado tan grave aos seus dereitos máis elementais.

O PP está atrapado agora no seu propio sarillo e fíao todo ao respaldo fechado que veu recebendo da imprensa amiga

Pilar Rojo ten esgotado o seu crédito político. Non reúne as condicións exixíbeis para un cargo que como mínimo debe gardar certo papel de neutralidade arbitral na cámara. Dificilmente poderá agora reatar o diálogo cos portavoces da oposición, logo de que onte os acusase de atentar contra o funcionamento normal do Parlamento, cámara que cualificou como unha alta institución do Estado.

O PP desencadeou unha gravísima crise institucional ao bloquear o acceso á cámara das cidadáns e dos cidadás e ao empregar a presidencia do Parlamento para criminalizar unha oposición que se limitou a realizar un xesto simbólico -o de abandonar as cadeiras no Pleno, metáfora da ausencia da cidadanía na Cámara.  O PP está agora atrapado no seu propio sarillo. Fía a resolución da crise ao fechado apoio que até o de agora veu recebendo da imprensa amiga, de meios de comunicación xenerosamente financiados polos subsidios públicos. A oposición tamén ten as súas cartas nesta partida que está moi lonxe de ter acabado.