O valor dos ríos nas xornadas “Ao son do Masma” en Barreiros

O valor dos ríos nas xornadas “Ao son do Masma” en Barreiros
masma
masma  
Que vale un río? No Colectivo Ollomao levan todo o ano descubrindo o valor do Masma, o río que atravesa o concello de Barreiros. Agora, para rematar o ano, organizan as xornadas de historia local “Ao son do Masma” que terán lugar o sábado 29 ás 16.30 horas nas Escolas de Celeiro de Mariñaos.

Achégase a segunda edición das xornadas de historia local que se artellan en Barreiros e, desta volta, o Masma e, en xeral, os ríos do concello de Barreiros, van ser os protagonistas. Viciños e viciñas e persoa sque teñan memoria da historia do río están convidadas a participar nesta xornada que inclúe unha exposición de fotos antigas do Masma.

A ponencia de Manuel Soto Castiñeira “O tempo dos ríos, o tempo da auga”, inaugurará as xornadas revisando a problemática ambiental e social da xestión da auga e dos ríos. Desde a chamada Nova Cultura Galega, Manuel Soto reivindicará o valor dos ríos, tema ao que se ten adicado profesionalmente na coordinación da ILP dos Ríos ou como coautor do libro O tempo dos ríos.

Como exemplo de execución e de posta en valor do patrimonio natural, o alcalde de Allariz, Francisco García, explicará o modelo de desenvolvemento xerado arredor do río Arnoia como eixo central da mudanza no concello.

O veciño de Celeiro e gran coñecedor do río Masma, Javier Fraga; o cronista oficial de Foz, Jesús Fernández; o presidente da asociación de pescadores do Masma, Audítor Rodríguez e un ex-traballador da antiga fábrica de luz, Francisco Salvaterra participarán nunha mesa redonda arredor do río Masma, a súa situación e as posibilidades de cara ao futuro.

“Os ríos son unha parte fundamental da paisaxe e tamén da economía e a sociedade en xeral. Desde Ollomao vemos con preocupación que se teñan recursos desaproveitados e se estean perdendo oportunidades de desenvolvemento, por iso pretendemos que a xente poida coñecer o noso río, poñelo en valor e, con iso, aproveitalo como recursos en múltiples aspectos” sinalan desde a organización. 

O Colectivo Cultural Ollomao desenvolveu ao longo do ano un programa de actividades centradas nos ríos do concello que teñen agora o seu ramo nestas xornadas. Roteiros, un certame fotográfico, ou o festival que levou o mesmo nome que as xornadas contribuíron a mirar cara o río e explorar no seu futuro.