O director xeral de Pemex: "Os remolcadores, en estaleiros mexicanos"

O director xeral de Pemex: "Os remolcadores, en estaleiros mexicanos"
O director xeral de Pemex, Juan José Suárez Copel afirmou que “compraremos os remolcadores con alto contido nacional e prazos longos para que se constrúa en México da man da Armada e dos estaleiros mexicanos”. O BNG pon en dúbida o acordo anunciado por Feijóo coa multinacional petroleira mexicana

O director xeral de Pemex, Juan José Suárez Copel afirmou nunha entrevista radiofónica que “compraremos os remolcadores con alto contido nacional e prazos longos para que se constrúa en México da man da Armada e dos estaleiros mexicanos”. Así o desvelou no Parlamento da Galiza o deputado Henrique Viéitez, que puxo en dúbida a contratación de Pemex, anunciada polo presidente da Xunta con estaleiros galegos.

Cómpre lembrar que hai escasos días a prensa mexicana recollía declaracións de dirixentes do país centroamericano nas cales afirmaban que os buques de Pemex (que conta con participación estatal) ían ser construidos en estaleiros de México.

Sindicatos e empresarios de Vigo e Ferrol xa teñen manifestado, máis ou menos abertamente, o seu desacougo pola ringleira de anuncios e promesas de Feijóo para o naval da dun acordo con Pemex do que se descoñece o contido. 

Cautela

O parlamentario nacionalista pediu ao conselleiro de Industria que non semente “falsas esperanzas” nun sector, coma o naval, en crise e criticou que dentro da súa xestión non aborde a construción dos centros de reparacións en Vigo e Ferrol e non aposte pola diversificación como fixera o anterior Goberno, “nós puxemos en marcha o sector aeronáutico galego” e 54 empresas seguen traballando neste sector, dixo.

O parlamentario tamén se referiu na súa intervención á relación do sector naval co concurso eólico que o Goberno do PP “botou abaixo” por compromisos políticos e posteriormente, os xulgados, “declararon legal” en catro ocasións.

Vieitez nomeou ademais a Feira de Navalía impulsada tamén polo anterior goberno e considerou que o titular de Industria herdou importantes ferramentas do bipartito que agora dixo, está “rentabilizando”.